Presentouse no Porriño a manifestación contra a reforma da lei do aborto

María Trinidad Campos Rodríguez (UGT), Carmen Paz Ocampo (Esquerda Unida), Aurora Rivas Sío (BNG), Victoria Oya (Compromiso por Galicia), Rocío Fortes (Nós-UP), Sabela Landín (CIG) e Marta Coto Estévez (Briga)
Presentouse no Porriño a manifestación contra a reforma da lei do aborto

María Trinidad Campos Rodríguez (UGT), Carmen Paz Ocampo (Esquerda Unida), Aurora Rivas Sío (BNG), Victoria Oya (Compromiso por Galicia), Rocío Fortes (Nós-UP),  Sabela Landín (CIG) e Marta Coto Estévez (Briga)

A Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto no Porriño (conformada polas organizacións políticas locais do BNG, Compromiso por Galicia, Esquerda Unida, Nós-UP e PSOE, os sindicatos CIG e UGT, e a organización xuvenil Briga), ven de convocar unha manifestación para o vindeiro venres día 7 de marzo baixo o lema Aborto libre e gratuíto. As mulleres decidimos!. Sairá ás 20 h desde a Praza do Concello (Praza do Arquitecto Antonio Palacios), e percorrerá o centro da vila, pasando polas rúas Manuel Rodríguez, San Sebastián, Domingo Bueno e Pío XII, para volver de novo por Manuel Rodríguez e finalizar tamén na Praza do Concello. Ao final da marcha, a escritora Clara do Roxo será a encargada de ler o manifesto. A manifestación foi presentada hoxe nunha rolda de prensa onde estiveron presentes Aurora Rivas Sío (BNG), Marta Coto Estévez (Briga), Victoria Oya (Compromiso por Galicia), Sabela Landín (CIG), Carmen Paz Ocampo (Esquerda Unida), Rocío Fortes (Nós-UP) e María Trinidad Campos Rodríguez (UGT).

cartel_mani_aborto_oporrinhoFacemos un chamamento á participación nesta mobilización. A sociedade porriñesa ten que mostrar a súa oposición a esta innecesaria reforma impulsada polo PP, que supón un grave retroceso nas liberdades e dereitos das mulleres. Esiximos a inmediata retirada da “contrarreforma” do ministro Gallardón porque atenta contra os dereitos fundamentais das mulleres e amósalles o seu desprezo máis absoluto.

Defendemos o dereito das mulleres ao seu corpo e esiximos ao goberno que cumpra coa súa responsabilidade de garantir o aborto legal, seguro e accesible. Reclamamos o acceso ao aborto legal, seguro e gratuíto como unha demanda de dereitos humanos, de xustiza social e de saúde pública. As mulleres somos suxeitas de dereitos con plena capacidade para tomar decisións de acordo ás nosas realidades e proxectos de vida, incluíndo a decisión de abortar ou de ser nais, de ter fillos/fillas ou non. As mulleres somos persoas autónomas, responsables, libres e iguais e, como tales, esiximos o dereito a decidir sobre os nosos corpos e vidas.

Presentouse no Porriño a manifestación contra a reforma da lei do aborto