O PP denuncia e engana ás vítimas das preferentes

Desmesurada presenza policial nos plenos
O PP denuncia e engana ás vítimas das preferentes

Persoas afectadas polo roubo das preferentes ás que se lles impediu o acceso ao salón de plenos protestan contra o autoritarismo do alcalde

Mª José Martínez Lemos, Alejandro Lorenzo, Nelson Santos, Jose Manuel Jacobo, Marcelino Coto, Carlos Martínez, Teresa Veloso, Iria Lorenzo e Ana Mª Martínez Paradela, figuran como querelantes, xunto coa plicía local, nunha denuncia por supostas coaccións, atentado contra a autoridade e desorde público rexistrada nos xulgados do Porriño contra cinco estafad@s pola fraude das preferentes, persoas que veñen reclamando pacificamente nos plenos unha solución para recuperar os seus aforros. Un abuso de poder que volve demostrar que o PP do Porriño prefire defender os intereses d@s poderos@s antes que aos veciños e veciñas afectados por este roubo da banca.

Santos e o seu grupo de goberno veñen enganando ao colectivo de persoas afectadas desde que estas comezaron a reclamar os seus dereitos. Foi continuada a falta de apoio do alcalde ás reivindicacións deste colectivo. Nin él nin ninguén do seu goberno, que conta con nove dedicacións (salarios) pagadas cos cartos de todos e todas, tiveron a ben apoiar a estas persoas nas súas demandas, despois de que o pleno da corporación así o acordara por unanimidade en repetidas ocasións. Agora, o PP pretende intimidalas para que non protesten e reclamen o que é de xustiza, nun intento por desviar a atención e non asumir responsabilidades políticas.

Desmesurada presenza policial nos plenos

Resulta especialmente grave que persoas que ocupan cargos públicos de representación política se dediquen a denunciar a cidadáns indefensos que se viron enganados e inmersos nunha fraude á que agora non se lle quere dar solución. O alcalde ven impedindo a entrada nos plenos a varias destas persoas estafadas, entre elas as denunciadas, alegando motivos de seguridade e a súa condición de imputad@s. Con esta mesma xustificación, el e Jose Manuel Jacobo, imputados por suposta prevaricación, non poderían asistir ás sesións plenarias. Santos é un autoritario e está a incumprir a lei, que indica claramente que os plenos son públicos e de libre acceso para a cidadanía.

O PP denuncia e engana ás vítimas das preferentes