Pedro Pereira chama a desterrar do Porriño a corruptos e caciques

Pedro Pereira chama a desterrar do Porriño a corruptos e caciques

11263091_1578895632379291_3393890889182686784_nO candidato do BNG-Asembleas Abertas á Alcaldía do Porriño, Pedro Pereira, fixo un chamamento para que este 24 de maio a veciñanza do Porriño desterre a corruptos e caciques do concello. Pereira recordou durante o mitin central da formación nacionalista na praza do Concello do Porriño que o BNG é a única alternativa real de goberno, capaz de asegurar unha xestión honesta, transparente e igualitaria.

“Fronte a unha forma de gobernar corrupta e caciquil, fronte aos que non se preocuparon da vila durante anos e agora se presentan como solución para todo, fronte a oportunistas e modas sen un proxecto para o concello”, asegurou en relación ao resto de forzas políticas que concorren os comicios municipais.

O cabeza de lista do BNG manifestou o compromiso da súa candidatura para “construír un concello para vivir e desfrutar” e co obxectivo de “gañar máis espazo para as persoas e abrir a participación á veciñanza”, despois de seis anos de falta de iniciativas e de opacidade do PP. Pedro Pereira reivindicou ademais unhas políticas de emprego dignas, que rematen coas actuacións ao marxe da lei pola que está imputado o goberno saínte.

“Fronte a unha forma de gobernar corrupta e caciquil, fronte aos que non se preocuparon da vila durante anos e agora se presentan como solución para todo, fronte a oportunistas e modas sen un proxecto para o concello”, sinalou Pedro Pereira.

Na mesma liña falou Mónica Bugarín, número cinco da candidatura, que abriu un mitin. “A intolerancia, a demagoxia, a falta de respecto institucional, a imposición, o trato desigual cara os veciños e as veciñas, todas son características da forma de traballar do PP no concello. Hai que mudar estas políticas, erradicalas do noso concello”, dixo Bugarín.

No acto participou a deputada nacionalista no Parlamento galego Ana Pontón, que chamou a non caer na resignación. “O PP roubou durante estes anos dereitos, futuro e dignidade. Mais non poden roubarnos o dereito a soñar e a devolverlle á política o seu verdadeiro significado! O 24 de Maio non chega con quitar ao PP, hai que poñer na alcaldía a persoas como Pedro Pereira e saír destes anos escuros”, sinalou Pontón.

A número dous do BNG-Asembleas Abertas, Sabela Landín, pediu tamén un cambio nas políticas sociais, fortalecendo as partidas para axudas de emerxencia social e para dependencia, implantando medidas que corrixan as desigualdades, así como un plan contra os desafiuzamentos.

Marcelo Rodríguez, número catro da lista nacionalista, resaltou a aposta transversal do programa nacionalista por unha xestión respectuosa co medio ambiente. “Co obxectivo de dignificalo e que non sexa relacionado interesadamente con políticas de lecer, susceptíbeis de recortes, e se valore na súa importancia social e económica”.

En representación da mocidade, interveu Elia Lago, estudante e no posto 15 da candidatura, que esixiu unha educación pública e en galego. “Negámonos a ser a seguinte xeración de man de obra barata, a dos traballos precarios, a que alimente a lista de desemprego ou se vexa obrigada a emigrar na procura dunha saída profesional”.

Pedro Pereira chama a desterrar do Porriño a corruptos e caciques