Emendas presentadas á proposta de orzamentos municipais do Concello do Porriño

Emendas que presenta o Bloque Nacionalista Galego á proposta de orzamentos municipais do Concello do Porriño presentada a ditame da Comisión de economía e facenda a celebrar o luns día 12 de febreiro de 2018

Emendas presentadas á proposta de orzamentos municipais do Concello do Porriño

Diante da proposta, da alcaldía, da aprobación inicial do cadro de persoal e do catálogo de postos de traballo, como anexos á proposta de aprobación inicial dos orzamentos municipais para o exercicio 2018, na cal se propón a amortización das seguintes prazas de persoal laboral:

  • 1 Posto de oficial de xardinería
  • 1 Operario/a de mercado
  • 1 Operario/a de obra e servizos
  • 1 Oficial electricista
  • 2 Condutores/as
  • 1 Limpador/a a media xornada

O Bloque Nacionalista Galego considera que non procede a amortización de prazas por ser contraditorio coa prestación dos servizos públicos de forma directa. Polo tanto presentamos como:

EMENDA Nº 1

  • Manter no cadro de persoal os postos que se pretenden amortizar e no caso do posto de limpador/a media xornada que se contemple a xornada completa.

Sobre a creación de prazas consideramos que é insuficiente a proposta da alcaldía e propomos que se inclúan a maiores as seguintes prazas coa presentación da :

EMENDA Nº 2

  • Acrecentar o cadro de persoal laboral con:
  • 10 Operarios/as para limpeza viaria
  • 6 Operarios/as para recollida de lixo
  • 1 Condutor/a para limpeza viaria
  • 6 Operarios/as para labores de xardinería

No que respecta á proposta da creación dunha praza a maiores de persoal eventual de confianza da alcaldía, con funcións de asesor/a económico/a, consideramos que non é procedente e solicitamos a súa retirada da proposta do cadro de persoal, o que presentamos como:

EMENDA Nº 3

  • Eliminar da proposta da alcaldía a creación da praza de persoal eventual de asesor/a económico/a financeiro/a.

No programa de gasto 1532 “PAVIMENTACIÓN DE VÍA PÚBLICAS” no seu capítulo seis, correspondente a inversións, só se contempla unha partida de 2.000 €, o que consideramos insuficiente dado o estado lamentable que ten a rede viaria municipal en moitos puntos das distintas parroquias do concello e que non poden ser asumidas dentro do capítulo 2 de gasto ordinario ou corrente previsto na proposta do orzamento. Por iso, tendo en conta o exposto presentamos como:

EMENDA Nº 4

  • Acrecentar o capítulo seis do programa de gasto 1532 “Pavimentación de vías públicas” en 250.000 € para atender o deficiente estado da rede viaria municipal.

No programa de gasto 161 “ABASTECEMENTO DOMICILIARIO DE AUGA POTABLE” non se contempla ningunha partida para cofinanciar, vía convenios coas distintas traídas de augas parroquias ou mediante unha liña de subvencións, investimentos para substitucións ou grandes reparacións das redes e depósitos existentes das distintas traídas de augas parroquias que suplen a inexistencia de abastecemento municipal de auga en moitos puntos do termo municipal.

Neste mesmo programa de gasto consideramos que é preciso que se recolla nos orzamentos unha partida para asumir o gasto de execución da rede de auga potable da rede municipal de abastecemento aos barrios do Contrasto e Pereira en Torneiros, afectados por acumulación de lindano no subsolo.

Tendo en conta esta falta de previsión, na proposta do orzamento presentamos a:

EMENDA Nº 5

  • Dotar o capítulo 4 e 6 dunha partida de 75.000 € e 60.000 € respectivamente no programa de gasto 161 “Abastecemento domiciliario de auga potable” para colaborar na mellora da rede de abastecemento das traídas de auga das parroquias.
  • Dotar o capítulo 6 do programa de gasto 161 “Abastecemento domiciliario de auga potable” de 150.000 € para a execución da rede de abastecemento aos barrios do Contrasto e Pereira en Torneiros.

No programa de gasto 1621 “RECOLLIDA DE RESIDUOS” non se contempla ningunha partida para gasto de persoal no seu capítulo 1 e dótase unha partida de 1.374.436,80 € para a externalización do servizo de recollida de lixo. Como consideramos que o Concello debe abordar a constitución da Empresa Pública de Servizos Municipais, é contraditorio manter na proposta do orzamento a partida de gasto anual para a recollida de residuos realizado por outras empresa, pois consideramos que, se realmente hai un compromiso por parte do goberno de crear a empresa municipal de servizos, esta debería estar en funcionamento nun prazo de seis meses. Tendo en conta o anterior, presentamos ao programa de gasto 1621 a seguinte:

EMENDA Nº 6

  • Propor ao pleno da corporación a aprobación da Empresa Pública de Servizos do Concello do Porriño nos 45 días posteriores a aprobación definitiva dos orzamentos municipais para o exercicio 2018.
  • Dotar o capítulo 1 do programa de gasto 1621 “Recollida de residuos” coa dotación orzamentaria resultado da incorporación da emenda nº 2.
  • Diminuír a partida 2279901 do capítulo 2, traballos realizados por outras empresas, en 687.218,40 €.
  • Dotar o capítulo 4 co importe de 687.218,40 € para transferencias á empresa municipal de servizos para a xestión directa da recollida do lixo.
  • Dotar no capítulo 2 unha partida de 40.000 € para a elaboración dun estudio económico financeiro para a xestión directa mediante a empresa pública de servizos dos seguintes servizos públicos:
    • Piscina municipal
    • Limpeza viaria, desbroces
    • Xardinería e parques
    • Mantemento vías públicas
    • Recollida de entullos e residuos sólidos urbanos
  • Dotar o capítulo 8 dunha partida orzamentaria de 4.000 € para a creación da empresa pública de servizos.

No programa de gasto 163 “LIMPEZA VIARIA” só se contempla unha partida de 3.000 € para gasto de persoal no seu capítulo 1 e recóllese no concepto 227 “traballos realizados por outras empresas”, dentro do capítulo 2, unha partida orzamentaria de 526.470,28€ para a xestión externalizada da limpeza viaria. Ao igual que expoñemos na motivación da emenda nº 6, é contraditorio coa creación da empresa Pública de servizos, o que motiva a presentación da:

EMENDA Nº 7

  • Dotar o capítulo 1 do programa de gasto 164 “Limpeza viaria” coa dotación orzamentaria resultado da incorporación da emenda nº 2.
  • Diminuír a partida 2279901 do capítulo 2 do programa de gasto 164 “Traballos realizados por outras empresas” en 263.235,14 €.
  • Dotar o capítulo 4 co importe de 263.235,14 € para transferencias á empresa municipal de servizos para a xestión directa da limpeza viaria do concello do Porriño.

No programa de gasto 165 “ALUMEADO PÚBLICO” non se contempla ningunha partida económica no capítulo 1 “Gasto de persoal” o que é contraditorio, de ser aceptada, coa emenda nº 1 polo que presentamos a seguinte:

EMENDA Nº 8

  • Dotar a partida orzamentaria dentro do programa de gasto 164 “Alumeado Público” no seu capítulo 1 “Gasto de persoal” no caso de ser aceptada a emenda nº1 e, polo tanto, a non amortización da praza que na actualidade está no cadro de persoal como oficial electricista.

Non se recolle na proposta de orzamentos ningunha partida no programa de gasto 172 “PROTECCIÓN E RECUPERACIÓN DO MEDIO AMBIENTE”. Despois da constatación de acumulación de lindano no subsolo de camiños veciñais (está acreditado a súa presenza no camiño da Pereira- Contrasto), consideramos imprescindible contemplar unha partida para afrontar os gastos derivados da descontaminación por lindano no Porriño. Polo tanto, presentamos a :

EMENDA Nº 9

  • Dotar unha partida orzamentaria no programa de gasto 172 “Descontaminación e protección do medio ambiente” de 200.000,00 €.

No programa de gasto 171 “PARQUES E XARDÍNS” non se recolle ningunha partida no seu capitulo 1 “Gastos de persoal” feito que consideramos contraditorio coa emenda nº 2, no caso de ser aceptada. Ademais, é un servizo a ser asumido pola empresa pública de servizos, mediante a xestión directa, despois da súa constitución e posta en funcionamento, polo que presentamos :

EMENDA nº 10

  • Dotar a partida orzamentaria dentro do programa de gasto 171 “Parques e xardíns” no seu capítulo 1 “Gasto de persoal” no caso de ser aceptada a emenda nº2.

 

No programa de gasto 231 “ASISTENCIA SOCIAL PRIMARIA” recóllese unha partida par emerxencia social de 40.000 €, contía que consideramos insuficiente, polo que propoñemos o seu incremento mediante a presentación da:

EMENDA Nº 11

  • Dotar as seguintes partidas, no programa de gasto 231 “Asistencia Social Primaria” no capítulo 4, cos seguintes subconceptos:
  • Axuda emerxencia enerxética 15.000,00 €
  • Axuda emerxencia aluguer vivenda 25.000,00 €
  • Axuda emerxencia asistencial e alimenticia 30.000,00 €
  • Axuda emerxencia social para compra de libros 10.000,00 €

No programa de gasto 341 recóllese unha partida de 468.000,00 € para subvencións nominativas. No listado que se xunta á proposta do orzamento hai clubs de contrastada labor deportiva e social, o que consideramos que motiva a permanencia nos orzamentos das partidas económicas para as subvencións. Mais consideramos que nos clubs de nova creación debería aportarse memoria sobre o número de participantes, ámbito de actuacións, recursos humanos e materiais e categorías federativas nas que participa, para poder contrastar o adecuado dos importes que o concello pode subvencionar. Neste sentido, consideramos que non se xustifica a partida de 30.000,00 € destinado ao club de baloncesto en cadeiras de rodas.

Neste mesmo programa de gasto contémplase unha partida orzamentaria destinada á xestión da piscina municipal cun importe de 382.473,33 €. Consideramos que este servizo debe ser asumido pola empresa pública de servizos unha vez constituída. Polo tanto, en función do exposto respecto ao programa de gasto 341, presentamos a seguinte:

EMENDA Nº 12

  • Reducir a partida destinada ao club Bocarapo (Baloncesto en cadeiras de rodas do Porriño) en 20.000,00 € por non estar xustificado un importe tan elevado.
  • Contemplar a transferencia de crédito á empresa pública de servizos unha vez que o mesmo sexa xestionado de forma directa.

No programa de gasto 912 “ÓRGANOS DE GOBERNO” consideramos, como xa expuxemos na emenda nº3, que non é necesario a creación dunha praza de asesor/a económico/a como cargo de confianza da alcaldía, polo que presentamos a:

EMENDA Nº 13

  • Reducir do programa de gasto 912 “Órganos de goberno” o importe de 29.743,21 €

Como anexo de inversións recóllese co código nº 1 dentro do programa 1532 o proxecto denominado “Urbanización Rúas Pontevedra e Coruña cunha partida orzamentaria de 369.285,97 € procedente do patrimonio municipal do solo. Consideramos que se trata dunha proposta non procedente e, en todo, non prioritaria. Este proxecto contempla a apertura e urbanización dunha rúa situada dentro de dous ámbitos de solo urbano non consolidado SUNC, concretamente as áreas de reparto 5 e 6. Segundo a ficha de planeamento, os gastos de urbanización deben ser asumidos dentro do proxecto de desenvolvemento urbanístico mediante a presentación dos correspondentes proxectos de urbanización. 

Tendo en conta o exposto, propomos a:

EMENDA Nº 14

  • Eliminar da proposta de orzamentos a partida contemplada no anexo de inversións de 369.285,97 €

No apartado de ingresos recóllese unha partida no capítulo 8 por venda de parcelas municipais por un importe de 369.285,67 €. Consideramos que se deben incorporar ao capítulo 8 de ingresos por venda de terreos o importe de 3.250.000 € procedentes da venda de parcelas municipais de uso industrial situadas nos polígonos industriais PPI 7 , PPI 2 e PPI 6, polo que incluímos a seguinte:

EMENDA Nº 15

  • Incorporar á proposta de ingresos o importe de 3.250.000,00 € procedentes da patrimonio municipal do solo.

Coa incorporación do importe de 3.250.000,00 € propoñemos como emenda nº 16 o seguinte anexo de inversións despois de detraer o 20 % para reserva de vivenda pública no concello do Porriño.

EMENDA Nº 16

Anexo de inversións

Reserva para vivenda de protección oficial 20%

250.000,00 €

Expropiación de terreos e construción dunha rotonda para mellora da seguridade vial nas interseccións das rúas Domingo Bueno - Manuel Rodríguez - Camiño da Viñueira ( Pontenova)  

60.000,00 €

Compra de terreos no paseo do Louro dentro da zona verde do PXOM.

400.000,00 €

Rede de saneamento no barrio do Casal en Mosende

110.000,00 €

Rede de saneamento entre os barrios de Escusa - Ladeira e Quinta - en Chenlo

95.000,00 €

Construción de vestiarios e mellora da pista no pavillón de deportes do colexio do Covelo en Atios

75.000,00 €

Rede de saneamento Corzón-Lameira en Pontellas

75.000,00 €

Capa de rodadura camiños veciñais de Cavadiña - Louriña e Centeáns en Pontellas

95.000,00 €

Rede de saneamento dos barrios do Rial e Carbón en Atios

175.000.00 €

Rede de saneamento entre Vitureira e Eidos en Budiño

85.000,00 €

Capa de rodadura entre a Forna e Vitureira (finca da Lomba)

65.000,00 €

Compra de parcelas para a ampliación da área de xogo de cans (lugar do Cendón)

70.000,00 €

Rede de saneamento no barrio da Graña

120.000,00 €

Rede de abastecemento auga potable Pereira – Contrasto

150.000,00 €

Ampliación área de xogo do torreiro da Guía en Atios

20.000,00 €

Execución canceira municipal

75.000,00 €

Expropiación de terreos para a execución da variante Domingo Bueno – Torneiros

285.000,00 €

Execución obra civil para eliminacións da liña de Alta Tensión en Torneiros

350.000,00 €

Importe total anexo de inversións

2.490.000,00 €

                                                                                      

 O Porriño, 08 de febreiro de 2018

 

 

 

Emendas presentadas á proposta de orzamentos municipais do Concello do Porriño