Imprimir

Os candidatos do BNG de Mos e do Porriño reforzarán a colaboración entre ambos concellos

bngoporrinho | 25 de abril de 2019

Gustavo Barcia e Pedro Pereira
Gustavo Barcia e Pedro Pereira

Gustavo Barcia e Pedro Pereira incorporarán aos seus programas medidas conxuntas sobre servizos públicos, medio ambiente e infraestruturas

Ambos candidatos coinciden en que “A Louriña precisa gobernos do BNG que garantan bos servizos públicos e acaben co malgasto”

Os candidatos do BNG ás alcaldías de Mos e do Porriño, Gustavo Barcia e Pedro Pereira, mantiveron unha xuntanza para coordinar a incorporación de medidas conxuntas aos seus respectivos programas. O obxectivo deste encontro, segundo Pereira, foi “avanzar nas reivindicacións comúns de ambos concellos e definir as áreas de traballo nas que é preciso reforzar a colaboración”. Bos exemplos disto son, na súa opinión, a xestión integral da auga ou a posta en valor do río Louro e as súas marxes, onde é preciso “avanzar xuntos cara á plena recuperación dos seus valores naturais”.

En materia de infraestruturas, os candidatos apostan por facer forza unidos ante as distintas administracións para acadar algunhas melloras que a veciñanza leva reclamando dende hai décadas. Sobre esta cuestión, Barcia cre que é imprescindible “reivindicar, cunha soa voz, a construción dunha variante á autovía A-55” e neste sentido, a aposta do BNG segue a ser “a construción dun túnel que reduza o impacto crecente do tráfico no concello de Mos”. Os dous candidatos defenden tamén a necesidade de desbloquear a área metropolitana de Vigo e fixar con claridade cales son os servizos que os concellos deben ceder ao ente supramunicipal.

“Garantir bos servizos públicos”

Tanto Barcia como Pereira están convencidos de que o BNG obterá un gran resultado nos concellos da Louriña o próximo 26 de marzo. “A veciñanza quere concellos pensados para as persoas e cando o BNG gobernou no Porriño demostrou que é posible facer as cousas doutra forma”, indica Pereira. Os gobernos do BNG, segundo Barcia, “garanten bos servizos públicos, acaban co malgasto e xestionan as contas municipais de forma transparente” e isto, segundo o candidato á alcaldía de Mos, “é precisamente o que demanda neste momento a xente da Louriña, porque nos últimos mandatos tanto Mos coma O Porriño foron exemplos de todo o contrario”.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/candidatos-do-bng-mos-do-porrino-reforzaran-colaboracion-ambos-concellos/20190425230909001289.html


© 2019 BNG do Porriño

BNG do Porriño

Rúa Ramón González nº14 - Local A
O Porriño