O BNG solicita a retirada da pantalla artificial da canteira de Vilafría

Vilafría (2)

Saíu adiante no pleno unha moción do BNG que recolle a demanda da veciñanza de Atios

O BNG solicita a retirada da pantalla artificial da canteira de Vilafría

No ano 1990, ante as reiteradas protestas dos veciños, e logo dun acordo entre canteiros, comunidade de montes, asociación de afectados e concello, os titulares da explotación mineira de Vilafría aceptaron levantar un gran muro de mampostería que funcionase como unha pantalla entre a canteira e as vivendas e que reducise o impacto da actividade (ruídos, po, tremores, etc.). Esa construción artificial, de case cen metros de longo por uns dez de alto, serviu para minguar os danos que a explotación de granito causaba ás veciñas e veciños, pero ao mesmo tempo desconfigurou a orografía orixinal da zona deixando as vivendas máis próximas nunha penumbra permanente. De feito, no inverno, esas casas non reciben o sol.

Agora, unha vez que rematou a explotación e o titular do dereito mineiro presentou un plan de abandono de labores e a posterior restauración da canteira, a veciñanza comprobou que o proxecto de rehabilitación do terreo non contempla a retirada desa pantalla artificial. Coñecedores do expediente que se está a tramitar no Servizo de Minas de Pontevedra, tanto a Comunidade de Montes de Atios como a Asociación de Afectados polas Canteiras solicitaron a súa persoación no mesmo e presentaron alegacións ao proxecto. Basicamente solicitan que se proceda ao desmonte total ou parcial, na medida en que tecnicamente sexa posible, dese muro construído artificialmente no seu día coa única e exclusiva finalidade de protexer as vivendas da explotación mineira. Un fin que agora, coa canteira abandonada, desapareceu por completo e, xa que logo, carece de sentido que tal muro permaneza. Consolidar a pantalla suporía condenar as vivendas de Vilafría a ficar nun pozo a maior parte do ano.

O BNG recolleu a xusta e lexítima demanda da veciñanza de Atios e levou ao pleno municipal unha moción na que insta ao goberno municipal, en tanto en canto o Concello do Porriño é hoxe en día propietario dos terreos mentres non haxa sentenza firme que diga o contrario, a que se persoe como parte interesada no expediente de restauración. Así mesmo, solicitamos que se paralicen os traballos de recheo que de xeito irregular se están levando a cabo na parte norte da canteira e, sobre todo, que se esixa a retirada total ou parcial da pantalla artificial construída nos anos 90. A moción saíu aprobada cos votos a favor do goberno e da oposición, agás o PP, que se abstivo.

Cremos dende o BNG que o Concello do Porriño debe estar vixiante ante os proxectos de restauración das canteiras que están abandonadas ou en proceso de abandono. 

O BNG solicita a retirada da pantalla artificial da canteira de Vilafría