O BNG propón que o Concello non recorra a sentenza das canteiras e chegue a un acordo coa veciñanza de Atios

canteiras-3

Deste xeito evitaríanse máis gastos nun preito difícil de gañar ante as evidencias históricas da posesión veciñal

O BNG propón que o Concello non recorra a sentenza das canteiras e chegue a un acordo coa veciñanza de Atios

A sentenza ditada o pasado 28 de febreiro pola titular do xulgado de 1ª Instancia e Instrución nº 3 do Porriño dálle a razón aos veciños de Atios na súa reivindicación sobre a propiedade das parcelas onde se localizan as explotacións de granito. O auto da xuíza Adriana López Barcón, baseándose na abondosa documentación histórica e na declaración dos peritos e testemuñas durante a vista oral, non deixa lugar a dúbidas sobre a titularidade inmemorial do monte Carrascal e Laxedo.

Como aconteceu noutros preitos semellantes, por exemplo, polas parroquias de Cabral, Tameiga, Teis, Mourente ou  Salcedo, a xustiza recoñeceu a propiedade veciñal dun aeroporto, un polígono industrial, un zoolóxico, un hospital ou un cuartel militar. A xurisprudencia é clara e reiterada a respecto do carácter comunal dos montes onde se asentan esas instalacións, tan diversas e afastadas do que puidera entenderse como aproveitamento veciñal. Aínda no caso da parroquia porriñesa de Budiño, en que a xustiza non lle deu á razón á Comunidade de montes na súa demanda de propiedade sobre as canteiras situadas no monte Cerola e Faro, os autos xudiciais non negan o carácter veciñal deses terreos, senón que se desestima a demanda simplemente porque, tecnicamente, a Comunidade de montes non puido demostrar que tales parcelas destinadas a canteiras estivesen situadas xeograficamente dentro do límite do monte veciñal. Nunha opinión moi discutible dende o punto de vista xurídico, os xuíces din que Budiño non puido identificar e delimitar con absoluta claridade e sen xénero de dúbidas o perímetro do seu monte comunal, non que o monte Cerola e Faro non fose veciñal. O caso de Atios é distinto porque non admite dúbidas, a sentenza dá por probada a identificación e límites do monte Carrascal e Laxedo.

Afortunadamente para os intereses do Concello, a sentenza de 1ª instancia non fai condena en custas e cada parte debe asumir os seus gastos. Con todo, este preito custoulle xa ao Concello arredor de 50 mil euros, entre avogados, procuradores, técnicos propios e o perito xudicial solicitado polo letrado do Concello, un informe que disparou o custo do procedemento para as arcas municipais. Recorrer en apelación ante a Audiencia Provincial suporía o incremento dos gastos xudiciais, coa alta posibilidade de ser condenado o Concello a pagar tamén as custas da outra parte. Un risco, cremos dende o BNG, que non debe asumir o goberno local, habida conta dos escasos ingresos que hoxe en día deixan as canteiras de Atios na tesourería municipal.

Por todo isto, dende o BNG instamos ao goberno local que non recorra a sentenza, sente a negociar coa comunidade de Montes de Atios e chegue ao mellor acordo para os intereses municipais. Tarde ou cedo, a xustiza fará firme a propiedade legal dos veciños e, daquela, o Concello non terá marxe de manobra nunha negociación.

Temos moi preto un exemplo de acordo que pode servir de referencia para o caso das canteiras de Atios. A comunidade de montes de Tameiga gañou en primeira instancia a propiedade do monte Faquiña, onde se asenta o polígono industrial. O concello de Mos, co apoio de todos os grupos da corporación, deu por válido o fallo e acadou un acordo, aínda con informes desfavorables dos técnicos municipais, coa Comunidade de montes para o reparto das rendas percibidas polos alugueiros das parcelas do polígono. E, curiosamente, o concello saíu gañando,  xa que agora  ingresa máis que cando era o titular legal do terreo.

Recollendo as palabras da propia alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, quen no inicio do seu mandato prometeu aos veciños de Atios acabar coa litixiosidade entre as dúas entidades e non recorrer un fallo favorable no preito da canteiras, o BNG presenta unha moción ao pleno, para que o goberno non recorra a sentenza e acade un acordo coa Comunidade de montes.

O BNG propón que o Concello non recorra a sentenza das canteiras e chegue a un acordo coa veciñanza de Atios