O BNG prima a creación de emprego e a consolidación e ampliación dos servizos públicos

O orzamento elaborado polo goberno local demostra que carece de proxecto político para O Porriño

O BNG prima a creación de emprego e a consolidación e ampliación dos servizos públicos

O BNG presentou por rexistro este luns as emendas á proposta de orzamentos do goberno local. Son 16 achegas necesarias, estudadas e realistas coas que os nacionalistas queren mellorar os orzamentos municipais e que pretenden corrixir as evidentes deficiencias en materia de investimentos e planificación dos servizos públicos das que adoece a proposta do grupo de goberno.

 Así, fronte á pretensión do goberno local de amortizar ata 7 prazas de traballadores públicos, o BNG propón a creación de 23 novos postos de traballo públicos. Entre eles destacan 11 postos para o servizos de limpeza e de recollida do lixo. Esta emenda enlaza coa proposta do BNG para a creación da Empresa Pública de Servizos, para que o Concello asuma a xestión directa dos servizos básicos para a cidadanía, evitando a privatización e o aumento de custos para as arcas municipais.

Das 16 emendas destaca un Plan de investimentos que ascende a 2.490.000 euros, para varias obras en todas as parroquias do municipio. Trátase de obras necesarias, como a renovación do abastecemento de augas aos barrios de Contrasto e Pereira en Torneiros, afectados polo lindano; a adquisición de parcelas para a ampliación do paseo e zonas verdes do parque do Louro, para a que destinamos 400.000 euros; a segunda fase da peonalización da rúa Manuel Rodríguez e o barrio de San Bieito; a mellora do parque infantil da Guía, en Atios; a construción da rotonda na Pontenova; a renovación e ampliación da  rede de saneamento en Mosende, Budiño, Atios, etc. Este investimento pódese realizar perfectamente cos ingresos pola venda de parcelas industriais de titularidade municipal que o BNG propón nas súas emendas e que o goberno local omitiu de xeito incomprensible.

O BNG propón tamén una partida de 200.000 euros para a descontaminación e protección do medio ambiente, inexistente na proposta do goberno. Asemade, pedimos que se aumente en 80.000 euros o gasto destinado a servizos sociais, pois apenas chegaba á metade. As emendas buscan a redución de gasto innecesario, como a contratación de máis asesores do goberno, ou a retirada dun inxustificado gasto de 369.285,97 euros na urbanización da rúa Pontevedra, xa que é a empresa que desenvolva ese ámbito e non o concello quen debe asumir o custo das obras. Trátase dunha partida coa que o goberno, se decide seguir adiante, pode incorrer en graves irregularidades, xa que incumpriría a normativa urbanística municipal.

O BNG participa coa mellor das vontades nas negociacións para aprobar os orzamentos, pero non retrocederá na defensa das súas propostas de mellora para as veciñas e veciños do Porriño.

O BNG prima a creación de emprego e a consolidación e ampliación dos servizos públicos