O BNG esixe da Xunta compromisos co Porriño

Carme Adán e Pedro Pereira
O BNG esixe da Xunta compromisos co Porriño

Carme Adán e Pedro Pereira

Eliminar a liña de alta tensión de Torneiros, ampliar o Centro de Saúde, construír un novo colexio no centro urbano e inversións para conectar o saneamento de núcleos rurais do Porriño co colector xeral do río Louro, entre as demandas que o Bloque solicita incluír nos orzamentos da Xunta de Galiza que se están a debater no Parlamento Galego.

A deputada Carme Adán desprazouse ao Porriño para anunciar xunto co portavoz municipal, Pedro Pereira, as emendas presentadas polo BNG con máis incidencia na nosa localidade. Desde o BNG solicitamos que a Xunta se faga cargo das graves deficiencias que no municipio existen en materias da súa competencia. As emendas presentadas suman algo máis de catro millóns de euros. Entendemos que son inversións realizables e precisas para O Porriño

Ademais de obras concretas para mellorar equipamentos e servizos, desde o Bloque solicitamos que se incrementen as partidas económicas da Xunta que teñan unha finalidade social, o que repercutiría tamén nun incremento dos recursos que para esta finalidade perciben os concellos.

Eliminación da liña de alta tensión de Torneiros (600.000 €)

Solicitamos que se retome o proxecto para a eliminación da liña de alta tensión de Torneiros que ficou paralizado coa chegada do PP aos gobernos do Porriño e Santiago. A Xunta debe contemplar unha partida económica que permita executar esta demanda en colaboración co Concello do Porriño e Unión Fenosa. Desde o Bloque instamos ao goberno local a comprometer tamén a inversión municipal necesaria para cumprir esta vella demanda da parroquia.

Ampliación do Centro de Saúde (950.000 €)

Solicitamos que a Xunta execute dunha vez a ampliación do Centro de Saúde do Porriño. Conta coa cesión dos terreos municipais necesarios e o centro sanitario precisa dunha importante mellora. Esta ampliación permitiría contar con novas especialidades médicas e reformar as instalacións actuais. Desde o BNG defendemos que a inversión contemple o futuro traslado da Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD), hoxe no edificio dos Antigos Xulgados, e instamos ao Concello a reclamar que sexa o Sergas quen asuma a xestión do servizo en favor dunha mellor atención para as persoas usuarias.

Novo CEIP para o casco urbano (1.300.000€)

O CEIP Fernández López atópase en moi mal estado. As súas instalacións ficaron obsoletas e O Porriño precisa hai tempo dun novo colexio. Somos conscientes que estas deficiencias tamén afectan a outros centros de ensino do municipio pero entendemos que primeiro se debe afrontar esta obra por tratarse dun centro edificado hai máis tempo e que se atopa en peor estado.

Saneamento nas parroquias (1.200.000 €)

Coa posta en funcionamento da EDAR de Guillarei, resulta prioritario conectar o saneamento xa executado nos núcleos rurais do Porriño co colector xeral do río Louro. A Xunta, a través da súa participación no Consorcio do Louro, debe aportar recursos para que os veciños e veciñas das parroquias poidan conectarse coa rede de saneamento. Solicitamos que se contemplen partidas para executar os entronques principais que darían servizo ás parroquias de Mosende , Chenlo e Cans; así como para os barrios da Chan, Mosteiro e Sanguío, en Budiño.

O BNG esixe da Xunta compromisos co Porriño