O BNG demanda que se modifique a ordenanza da auga

O BNG demanda que se modifique a ordenanza da auga

Casa do Concello

O grupo municipal nacionalista solicitará a celebración dun pleno extraordinario para denunciar a privatización da xestión da auga que supón a entrada en funcionamento do Consorcio do Louro. Non é de recibo que o Concello do Porriño continúe sen informar aos veciños e veciñas das consecuencias da posta en funcionamento da nova ordenanza reguladora da auga. O Consorcio do Louro, organismo ao que o concello cedeu a súa competencia sobre este servizo, adxudicou a xestión á empresa Aqualia. Esta privatización supón a culminación dun longo proceso iniciado hai anos coa constitución por parte dos municipios do Porriño, Mos, Tui e Salceda de Caselas dun consorcio destinado a xestionar de forma mancomunada o ciclo integral da auga. Desde o BNG estamos a favor de mancomunar servizos para optimizar recursos, pero defendemos que se manteña a xestión pública dos mesmos e opoñémonos a unha privatización que non vai facer mellorar o servizo e vai incrementar notablemente o seu custo. O BNG xa denunciara esta privatización encuberta nas alegacións presentadas aos estatutos que constituíron o propio Consorcio do Louro

As distintas administracións afectadas contaron co tempo suficiente para planificar e informar aos propietarios de vivendas sobre a adaptación a esta nova normativa. O Concello do Porriño nada fixo nin está a facer neste sentido. Entendemos que se están a aplicar unhas tarifas abusivas que orixinan un incremento de prezos considerable, máxime tendo en conta os problemas económicos que están a vivir moitas familias na actualidade. A falta de información por parte da empresa adxudicataria e o encarecemento no prezo do servizo son boa mostra das consecuencias de privatizar servizos públicos. Estase a primar o beneficio empresarial sobre a calidade e universalidade dun servizo básico como é o abastecemento e o tratamento da auga.

P1110756Forzaremos a celebración dun pleno extraordinario para tratar, xunto con outros asuntos que están a afectar á veciñanza do Porriño, este importante problema. O Bloque solicitará neste pleno que se incremente o prazo marcado para adecuarse á normativa coa instalación de contadores, que se revisen as tarifas a cobrar e se abra a posibilidade de fraccionar pagos, así como que se informe á cidadanía das bonificacións ou exencións ás que se poden acoller.

Unha vivenda media (tres persoas por vivenda) que non conte na actualidade con contador, pasará a abonar durante o período marcado para a súa instalación, que finaliza no mes de xuño, unha tarifa mínima de 35´76 €  (computando neste caso un consumo de 151 litros persoa día) cada dous meses,; cando o que se viña pagando até o de agora eran recibos de 34€ cada tres meses. A este incremento do 56 % hai que sumarlle os pagos iniciais que teñen que asumir os usuarios e usuarias pola instalación do contador (66,75€) e polo precinto do mesmo (24,97€). O BNG vai iniciar tamén unha campaña de información entre a veciñanza para denunciar esta privatización da auga e denunciar a actitude dun alcalde que non fai nada para manter informados aos cidadáns que representa.

Podedes consultar aquí:

  • cálculos realizados para unha vivenda media (tres persoas) sen contador durante o período de adaptación marcado para a súa instalación (até xuño do 2014), e para aquelas vivendas que non teñan contador a partir desa data: calculo_recibo_auga_consorcio

O BNG demanda que se modifique a ordenanza da auga