O BNG considera excesivo o gasto das Festas do Cristo

O BNG considera excesivo o gasto das Festas do Cristo

Casa do Concello

O BNG do Porriño observa gasto elevado, falta de planificación e improvisación na organización do programa das Festas do Cristo 2015. “A programación das festas anunciouse tarde e mal. A veciñanza foi coñecedora da programación cando as festas xa estaban en marcha”, comentou o portavoz do BNG. “O goberno quer aparentar unha austeridade que non se corresponde coa realidade. O gasto das festas é moi elevado”, afirmou Pedro Pereira, que puxo como exemplo a contratación, para actuar un día de semana, dunha orquestra de elevado caché como é a Panorama. A presenza desta orquestra na nosa localidade vai tamén ligada á contratación para as festas de sete orquestras máis da empresa Espectáculos Lito, axencia que xestiona os concertos da Panaroma. “Unha forma de operar na contratación de espectáculos que desde o BNG non compartimos”, declarou o nacionalista.

O portavoz do Bloque bota en falla contidos culturais, así como máis actuacións dirixidas á mocidade e aos nenos e nenas. “Descuídase  a animación de rúa dirixida as e os máis pequen@s, a cultura fica excluída da programación e aos mozos e mozas non se lle ofrece unha alternativa de lecer para estes días de festa”, indicou Pereira. “A programación inclúe numerosas actividades que non son organizadas polo concello. Contar con máis días de calendario festivo non é garante de ter mellores festas nin de que estas sexan máis plurais”, engadiu.

Por último, desde o BNG queremos denunciar o que entendemos como inadecuada actitude do Alcalde. Nelson Santos aproveitou o folleto que se reparte a veciños e veciñas coa programación das festas para dirixirse a aqueles que o apoian na súa xestión ao fronte do goberno. Desde o BNG entendemos que as festas son motivo de ledicia para o conxunto de veciños e veciñas do Porriño, independentemente da opción ou preferencia política de cada quen. “Non nos parece de recibo que o alcalde empregue o saúda das festas para facer política partidista”, concluíu Pedro Pereira.

O BNG considera excesivo o gasto das Festas do Cristo