Pablo Novo será o candidato de BNG-Asembleas Abertas na Entidade Local Menor de Chenlo

Pablo Novo será o candidato de BNG-Asembleas Abertas na Entidade Local Menor de Chenlo

pedro_pablo_chenlo

Unha asemblea aberta do BNG aprobou por unanimidade a candidatura de Pablo Novo para presidir a Entidade Local Menor de Chenlo. Traballador nun negocio familiar de automóbiles e recambios, Novo é na actualidade vogal do Bloque na Xunta Veciñal de Chenlo e ven exercendo nos últimos catro anos a oposición ao goberno do PP na parroquia.

O programa de goberno que o BNG-AA está a elaborar para Chenlo busca xestionar mellor o monte veciñal para obter máis recursos e investir nos servizos públicos prestados pola entidade. Queremos mudar a política do PP, baseada nunha xestión do monte marcada polo monopolio do mercado da madeira, o monocultivo forestal e a promoción dos cultivos enerxéticos. Desde BNG-AA defendemos unha política de montes multifuncional e sustentable. Temos que poñer o monte a producir para garantir a propia viabilidade da entidade, crear emprego na parroquia e poder investir en novos servizos e equipamentos.

A explotación forestal tense que complementar con outros usos sen esquecer a propia función social e medioambiental do monte. Na planificación do monte queremos contemplar a introducción de novos aproveitamentos, como a explotación gandeira ecolóxica, o aproveitamento da biomasa, o cultivo de oliveiras (como veñen de iniciar @s comuneir@s de Torneiros) ou repoboar con variedades autóctonas de maior valor engadido e micorrizadas para a producción de cogumelos, entre outros exemplos existentes no monte galego.

Entendemos que a diversificación do monte pode ser unha alternativa á crise. O noso monte ten unha alta potencialidade para a boa xestión agro-silvo-forestal. Este modelo permite a xestión dun territorio vivo e atractivo, os beneficios obtidos son elevados en relación ao investimento que se precisa e é compatible cunha xestión forestal, sempre que esta sexa planificada e coordinada cos outros aproveitamentos.

O BNG-AA seguirá a defender, tamén desde a Xunta Veciñal de Chenlo, ampliar a protección ambiental actual da Serra do Galiñeiro para evitar a instalación de minas a ceo aberto. Empresas multinacionais xa teñen amosado o seu interese por realizar catas de prospeccións mineiras en busca das denominadas “terras raras”, minerais empregados para a produción de novas tecnoloxías. Unha actividade mineira con grave impacto ambiental e riscos para a saúde das persoas, xa que consume grandes cantidades de enerxía e auga e manexa substancias tóxicas.