O goberno de Nelson Santos perdeu máis de medio millón de euros dunha subvención aprobada

O goberno de Nelson Santos perdeu máis de medio millón de euros dunha subvención aprobada

P1120471

Nunha nova demostración da caótica xestión que caracteriza ao actual goberno do PP no Porriño, os veciños de Torneiros seguirán padecendo o paso da liña de alta tensión por riba das súas cabezas. O culpable de que iso sexa así non é máis que do actual goberno dirixido por Nelson Santos, que non soubo -ou non quixo- continuar as xestións iniciadas polo goberno do BNG no ano 2009 para acometer o soterramento da liña de alta tensión Atios-Balaídos ao seu paso polo barrio de Ribeira en Torneiros. O concello debía executar a obra civil que consistía na apertura duns 700 metros de zanxa, a colocación das tubaxes para o posterior cableado por Fenosa e a reposición do firme e pavimento danados. A obra foi presupostada no anteproxecto presentado por unha empresa de enxeñería en 705.270,85 euros. O 80 por cento do custo deses traballos era asumido pola Consellería de Industria que, con data 23 de setembro de 2010, aprobou a concesión dunha achega de 564.216,68 euros ao concello do Porriño.

O goberno de Nelson Santos, saído da espuria e vergoñenta moción de censura do 1 de febreiro de 2010, só tiña que realizar os trámites necesarios para adxudicar a obra. Despois de amplialo nun mes máis, a Xunta de Galiza estableceu o 15 de decembro de 2010 como prazo límite para a presentación de toda a documentación necesaria para que o Concello do Porriño puidese percibir a achega de 564.216,68 euros que tiña xa concedida. Pero os máximos responsables do goberno naquela altura, é dicir, Nelson Santos e José Manuel Jacobo, non foron quen de presentar os documentos requeridos.

Proba da súa manifesta incapacidade é que non foi ata o 25 de novembro de 2010 (apenas vinte días antes do prazo límite) cando o señor Jacobo Vázquez solicita á arquitecta municipal o informe preceptivo para a adxudicación da obra. Escaso marxe para a funcionaria, que aínda así requeriu axiña do goberno varios documentos necesarios para axilizar o expediente, entre eles o proxecto técnico da obra, do que aínda nada sabemos a hoxe en día.

O único certo é que a obra está sen facer e os veciños de Torneiros seguen cos cables de alta tensión sobrevoando as súas vivendas, cando este problema puido estar resolto hai tempo e sen case ningún custo para as arcas municipais. “É unha mostra máis da ineficacia politica e da incapacidade para a xestión do ben común do actual goberno do Partido Popular, que presume precisamente do que máis carece. Demóstrase  tamén que a moción de censura prexudicou claramente aos intereses dos porriñeses”, sinalou o voceiro do BNG no concello Pedro Pereira.

O Bloque Nacionalista Galego esixe ao alcalde unha explicación sobre a perda desta subvención e un compromiso claro coa veciñanza de Torneiros para que a obra se leve a cabo como estaba previsto.

O goberno de Nelson Santos perdeu máis de medio millón de euros dunha subvención aprobada