SEMPRE VOTAMOS EN CONTRA DE QUE O CONSORCIO DO LOURO ESTIVESE ADSCRITO AO CONCELLO DO PORRIÑO.

Cúmprense as advertencias do BNG sobre os riscos que supón para O Porriño a xestión do Consorcio de Augas do Louro

O Bloque Nacionalista Galego nunca variou a súa posición. Dende o comezo advertimos que o Pleno do concello do Porriño non tiña que asumir o acordo do 27/02/2015, tomado polo comité directivo, formado polos alcaldes do Porriño, Tui, Salceda e a alcaldesa de Mos, xunto co representante de Augas de Galicia, onde propuxeron por unanimidade que o Consorcio de Augas do Louro estivese adscrito ao concello do Porriño.

Cúmprense as advertencias do BNG sobre os riscos que supón para O Porriño a xestión do Consorcio de Augas do Louro

Se ben o BNG sempre mantivo a mesma postura, non podemos dicir o mesmo do PP e do PSOE. Un e outro partido cambiaron de opinión ao longo deste tempo. Cando gobernaba, o PP votou a favor de que O Porriño asumise a fiscalización e xestión do Consorcio, coas consecuencias que agora vemos. Pero cando pasou á oposición, votou en contra. O PSOE fixo unha viaxe á inversa, non apoiou a modificación dos estatutos na anterior lexislatura e agora, ata en dúas ocasións, votou a favor de que o consorcio estivese adscrito ao concello do Porriño. Que significa isto para os porriñeses? O noso concello debe ceder persoal técnico e administrativo para supervisar e fiscalizar o servizo, cuxa xestión recadadora está externalizada (Aqualia), ao tempo que a estabilidade financeira do mesmo repercute directamente nos orzamentos municipais do Porriño. É un condicionante, que cualificamos de perverso, que impón a Lei de Racionalización y Sustentabilidade de la Administración Local, de 2013, nacida da teima austericida do goberno de Mariano Rajoy.

               Opuxémonos nas distintas ocasións en que tanto o goberno de Nelson Santos como o de Eva García de la Torre levaron ao pleno a modificación dos estatutos do consorcio que implicaban que este estivese adscrito a un concello. Vemos agora como se cumpren as nosas advertencias. Se, tal e como se desprende das últimas informacións, hai un desaxuste no superávit do consorcio que provoca a imposibilidade de executar obras previstas, iso vai incidir negativamente no orzamento do Porriño. O desequilibro financeiro do Consorcio implica que O Porriño deberá reaxustar as súas contas e aplicar as restricións contempladas na Lei de Estabilidade Orzamentaria do señor Montoro. Isto é, menos investimento en servizos e melloras para os porriñeses.

O BNG propón, como así fixo dende o principio, que sexa Augas de Galicia quen asuma a xestión e fiscalización das contas do Consorcio de Augas do Louro. Fronte a propostas absurdas -como a da alcaldesa de Mos de que sexa a Deputación quen asuma esa función- ou irresponsables -como a da alcaldesa do Porriño de abandonar o consorcio sen ter unha alternativa que garanta o servizo e boas condicións para os cidadáns- o BNG insta á Xunta de Galicia para que, dentro das súas competencias en materia de saneamento e depuración e como integrante do Consorcio, sexa a administración de adscrición. Non pode ser que un concello coas carencias en recursos que hoxe por hoxe ten o Porriño asuma o cargo de xestionar un servizo para 60 mil persoas e aínda por riba cargue coas consecuencias económicas que poida provocar un mal funcionamento do ente supramunicipal.

Cúmprense as advertencias do BNG sobre os riscos que supón para O Porriño a xestión do Consorcio de Augas do Louro