O concello contratou unha ambulancia sen permisos en regla e co material sanitario caducado

O concello contratou unha ambulancia sen permisos en regla e co material sanitario caducado

10630753_10204850717416776_4091198281920941063_o

O Porriño, entre os concellos gobernados polo PP que contrataron a empresa Ambulancias BDM, denunciada por empregar ambulancias sen os permisos en regla e co material sanitario caducado. A UVI móbil contratada polo Concello do Porriño para cubrir a celebración, o pasado mes de xuño, dunha proba de triatlón na nosa localidade, carecía da ITV en vigor e non estaba facultada para prestar servizos sanitarios desde agosto do ano pasado. Unha chamada anónima dun dos traballadores da empresa alertou á policía local de que a ambulancia non podía ser empregada. Segundo este traballador, os axentes municipais informaron da chamada ao concelleiro de Seguridade, Jose Manuel Jacobo, que nada fixo para impedir que a ambulancia caducada fixera o servizo.

Preguntado polo BNG por escrito no pleno do 30 de xuño sobre este asunto, o goberno local admitiu ser coñecedor da situación e contestou que a partir de agora tomarán as medidas necesarias para que non volva acontecer. Para o BNG esta contestación non é suficiente. O PP puxo en risco a seguridade das persoas que participaron na proba deportiva e da cidadanía en xeral, agora debe dar explicacións e asumir responsabilidades.

A empresa, con sancións por realizar servizos sanitarios con vehículos non autorizados desde 2011, traballou en 15 municipios da provincia, entre eles O Porriño, todos gobernados polo PP, ademais de para aseguradoras privadas. BDM traballa para a aseguradora Adeslas e ten sido contratada en ocasións polo Celta, a Praza de Touros de Pontevedra e propio PP para a súa convención anual en Soutomaior.

A policía de Pontevedra interceptou hai uns días dous vehículos desta empresa sen os permisos en regra, con documentación falsa e con medicamentos e outro material sanitario caducado. O sindicato CIG ten denunciado conivencia entre a compañía e o PP e ven de pedir á Fiscalía que investigue posibles delitos contra a saúde pública e falsidade documental. Tamén foron denunciadas as condicións laborais da empresa, con salarios ínfimos, quendas diarias de 12 h, falta de vacacións e de roupa de seguridade ou ausencia de pluses e horas extras. Os vehículos interceptados en Pontevedra no tiñan a ITV en vigor, carecían de rexistro de desinfeccións e os seus libros de inspección sanitaria correspondían a outros coches. Un dos vehículos estaba catalogado como furgoneta para uso particular, sen referencia algunha á prestación de funcións de ambulancia, transporte sanitario ou servizo público, segundo advertiu a patrulla policial. Outro tiña prohibido circular desde 2011.

Desde o BNG esiximos ao goberno local, e concretamente ao concelleiro de Seguridade Jose Manuel Jacobo, explicacións completas  sobre o acontecido, así como que se asuman responsabilidades políticas por ter posto en risco a saúde das persoas. Volvemos a nos atopar cun caso de contratación de servizos por parte do goberno do Porriño a empresas afíns ao PP que non cumpren coa legalidade.