Celebrouse a asemblea aberta do Bloque no Porriño

Celebrouse a asemblea aberta do Bloque no Porriño

asemblea_aberta_bng1O edificio dos vellos xulgados acolleu unha asemblea aberta convocada polo BNG para debater sobre a situación política local. A situación xudicial do goberno de Nelson Santos, a privatización da auga e o desmantelamento dos servizos públicos, o futuro de Frigolouro, as dificultades do BNG para comunicar a súa mensaxe política e o escenario electoral aberto no Porriño de cara ás municipais do vindeiro ano foron algúns dos asuntos abordados.

As diferentes intervencións concordaron na necesidade de impulsar un cambio no municipio que remate coas políticas clientelares e antisociais do PP. Reclamouse máis implicación política por parte das persoas que apoian outra forma de xestionar o concello. “O BNG vai aportar o seu caudal humano e organizativo para propiciar un goberno local de esquerdas que acabe coa corrupción, que combata os recortes e que defenda a nosa cultura, patrimonio e idioma. Estamos seguros de coincidir con moitos veciños e veciñas que tamén apostan por un cambio neste sentido”, afirmou o Bloque en voz do seu responsábel local, Manuel Sánchez.

 

asemblea_aberta_bngO BNG está traballando nun programa de goberno que pretende ser ambicioso e transformador, e que quere debater coa base social do nacionalismo, da esquerda e do asociacionismo veciñal. Temos intención de darlle continuidade a unha fórmula de asembleas abertas que valoramos positivamente. Queremos fomentar a participación política, contrastar ideas e afrontar debates e críticas que fagan mellorar a nosa proposta.

Celebrouse a asemblea aberta do Bloque no Porriño