O BNG valora o goberno municipal do Porriño como continuista, sen iniciativas e falto de xestión

O BNG valora o goberno municipal do Porriño como continuista, sen iniciativas e falto de xestión

pedro_sabela

O BNG do Porriño, despois das eleccións municipais, favoreceu un cambio de goberno municipal, votando a favor da investidura como alcaldesa de Eva García de La Torre, para acabar coas prácticas clientelares, caciquís e privatizadoras do Goberno do Sr. Santos (PP). O BNG deu este apoio, a pesares de que o PSOE optou por pactar un goberno cos escindidos do PP, coa esperanza de ver un goberno máis transparente, que apostase polos servizos públicos, que puxese en marcha unha nova sensibilidade cara aos servizos sociais e culturais. Mais o que percibimos despois de pasados os primeiros cen días de mandato é un goberno falto de ideas, que privatiza a xestión das Festas do Cristo, que renunciou a ter unha programación cultural propia e continua programando actividades do anterior goberno que non educan en valores nin forman aos máis cativos, que mantén a estrutura de Porremprego do PP ou que opta por privatizar a recollida do lixo e a piscina municipal. Estamos diante dun goberno sen programa e sen xestión.

No pleno de investidura a corporación acordou que habería un pleno ordinario ao mes, proposta que o BNG apoiou, porque se considerou que o Concello do Porriño ten áreas de xestión e actividade suficiente para manter esta periodicidade das sesións. Este acordo, dunha sesión ordinaria ao mes, foi incumprido pola alcaldesa ao non convocar o pleno do mes de agosto. Ademais disto, na convocatoria do pleno do mes de setembro, que se vai celebrar o mércores día 30, de 15 puntos da orde do día o goberno só presenta un expediente para debate da corporación, que consiste nunha modificación orzamentaria. O resto dos puntos son dacións de conta e mocións presentadas polos grupos da oposición.

O único punto de debate da orde do día, que consiste nunha modificación orzamentaria que consta de tres apartados –Suplemento de crédito 1/2015, 2/2015 e crédito extraordinario 1/2015– foi ademais modificado na comisión informativa polo que se ve reducido no debate do Pleno ao Suplemento de crédito 2/2015.

Esta falta de contido dos plenos e a improvisación que mostra o goberno, coa non convocatoria de plenos ordinarios, coa inclusión e retirada de expedientes da orde do día e coa falla de planificación, é preocupante para o BNG porque ten consecuencias directas sobre os asuntos aos que entendemos se debería dar resposta.

Sobre o expediente de suplemento de crédito 2/2015 que vai a debate plenario o BNG solicita do goberno municipal que elabore informes económicos da situación das partidas orzamentarias e as necesidades económicas de cada concellería até o final do exercicio para pode así avaliar se a proposta do goberno se adecua ás necesidades dos servizos ou precisa modificacións.

Dentro do apartado de mocións, o BNG presentará no pleno as seguintes iniciativas:

  • Solicitar un interventor para o concello do Porriño xa que o actual está en acumulación de servizos.

  • Moción de apoio ás persoas refuxiadas e migrantes en Europa.

  • Moción solicitando o retranqueo do muro de peche da parcela de titularidade municipal cedida a A. VV. de San Salvador de Torneiros.

  • Moción sobre mobilidade e eliminación de barreiras.

  • Moción sobre a obra de saneamento na Pereira en Torneiros.