O BNG solicita que se rebaixe o IVE aplicado ás perruquerías

O BNG solicita que se rebaixe o IVE aplicado ás perruquerías

carimboO sector das perruquerías veuse prexudicado pola aplicación do Real decreto lei 20/2012, de 13 de xullo, acordado polo goberno do PP no Estado Español, que modificou o seu carácter de sector beneficiado pola aplicación dun IVE reducido do 8% para pasar a aplicarlle o desorbitado imposto do 21%. Este sector, de importante actividade económica entre o pequeno comercio local, xera moitos postos de traballo e posúe un gran dinamismo. Nestes momentos encóntrase lastrado non só polas consecuencias da profunda crise económica senón por esta medida antisocial adoptada polo goberno do PP. A gravidade do feito está a provocar o peche de moitos establecementos, a perda de postos de traballo e a perda de clientes pola contención do consumo derivada da suba final do prezo nas perruquerías.

Segundo os datos do sector, o pasado 2013 pecharon 8.000 salóns de perruquería e estética no conxunto do estado, e as previsións indican para este ano fecharan preto de 6.000 negocios máis. As nefastas consecuencias económicas dese aumento porcentual do 13% do IVE nesta actividade xa levaron a persoas afectadas pola medida a manifestaren o seu malestar en varias cidades galegas como A Coruña, Vigo, Lugo ou Ourense, coa entrega de sinaturas nas delegacións da Axencia Tributaria en contra do 21% do IVE. Esta subida impositiva está a provocar tamén o aumento exponencial dos negocios ilegais de ámbito doméstico. En resumo, hai que cuestionar a pretendida recadación por IVE, xa que por unha banda pechan establecementos e pola outra medra a economía somerxida.

O Bloque xa presentara no Congreso dos Deputados unha iniciativa o 11 de setembro do ano 2012 para manifestar a súa oposición a aquel incremento brutal do IVE no referido aos salóns de peiteado, e agora presentamos no noso municipio unha moción para que desde o Concello do Porriño se inste á Xunta de Galiza a demandar do goberno do Estado a rebaixa deste imposto abusivo que se aplica ao sector comercial dos salóns de peiteado e estética, debido ás negativas consecuencias que está a provocar co peche de establecementos e a perda de numerosos postos de traballo. Desde o BNG iniciaremos tamén unha campaña polos establecementos do Porriño para informar ao sector desta iniciativa.

 

O BNG solicita que se rebaixe o IVE aplicado ás perruquerías