O BNG solicita que non se suban as cotizacións das persoas autónomas

O BNG solicita que non se suban as cotizacións das persoas autónomas

P1110756O grupo municipal nacionalista presentou unha moción no rexistro do Concello do Porriño demandando que se paralicen as subas de até máis dun 20% nas cotizacións aplicadas a persoas autónomas e pequenas empresas aprobadas polo goberno de Mariano Rajoy. O PP está a aplicar esta suba sen ningún tipo de diálogo co sector, como critican as principais asociacións de persoas autónomas galegas e do Estado. Esta medida, puramente recadatoria, afondará máis no estrangulamento económico das persoas emprendedoras.

Con esta suba das cotizacións estase a dificultar a recuperación económica das persoas autónomas e das pequenas empresas, limitando a súa capacidade de xeración de emprego, principal problema económico en Galiza e no Estado, e mesmo contribuíndo a unha maior desaparición das mesmas “Non ten sentido que se incrementen as cargas sobre persoas autónomas e pequenas empresas, a maioría do noso tecido económico, mentres se aumentan as axudas a grandes empresas e se manteñen sobre elas enormes vantaxes fiscais”, sinalou o portavoz do BNG, Pedro Pereira.

 A moción presentada polo Bloque solicita demandar do Goberno do Estado un posicionamento contrario a esta suba e aprobar as reformas lexislativas necesarias de cara a promover unha reforma fiscal verdadeiramente progresiva, que grave ás grandes fortunas e empresas, e que persiga a fraude fiscal. O BNG solicita tamén que a Xunta poña en práctica políticas activas de emprego en Galiza como mellor mecanismo para garantir a sustentabilidade da Seguridade Social.

PODES DESCARGAR AQUÍ O TEXTO COMPLETO DA MOCIÓN: MOCION PERSOAS AUTONOMAS E PEQUENAS EMPRESAS 15_02_2014