O BNG rexeita que se elimine o dereito á asistencia sanitaria a quen bote máis de 90 días fóra

Aurora Rivas
Aurora Rivas
O BNG rexeita que se elimine o dereito á asistencia sanitaria a quen bote máis de 90 días fóra

Aurora Rivas

O goberno do PP en Madrid eliminou o dereito á atención sanitaria universal para todas as persoas que permanezan fóra do Estado español máis de 90 días nun ano natural, mesmo sexan desempregados/as de longa duración ou teñan esgotado a prestación ou o subsidio por desemprego. Este dereito só fica recoñecido para quen resida no Estado, negándollo as moitas persoas que se trasladan ao estranxeiro por motivos laborais. “O mesmo PP que asume os ditados da troika e as nefastas políticas económicas que están a devastar os nosos sectores produtivos e a aniquilar a capacidade de xerarmos emprego en Galiza, deixa agora sen asistencia sanitaria a quen se ve na obriga de procurar emprego no estranxeiro”. afirmou a concelleira do Bloque, Aurora Rivas.

Este novo recorte de dereitos afecta especialmente aos miles de mozos e mozas galeg@s que se ven na obriga de emigrar por estaren desempregad@s. A decisión foi adoptada polo goberno do Estado de xeito unilateral e sen contar co goberno da Xunta de Galiza, quen semella aceptar calquera medida imposta desde Madrid sen importarlle o carácter lesivo aos dereitos de galegos e galegas. A moción presentada polo Bloque solicita do Pleno da Corporación Municipal do Porriño rexeitar a eliminación deste dereito básico, e que se inste á Xunta de Galiza a asumir e garantir a atención sanitaria das persoas afectadas conservándolles a tarxeta sanitaria en vigor mentres non se proceda a derrogar esta medida.