O BNG reclama un novo orzamento para incrementar o gasto social

O BNG reclama un novo orzamento para incrementar o gasto social

 

Pedro Pereira e Aurora Rivas, dous dos concelleiros do BNG no Concello do PorriñoNos dous últimos exercicios, 2013 e 2014, o Concello do Porriño non tivo presupostos municipais, recorrendo o goberno local a prorrogar os orzamentos aprobados no 2012. Esta forma de proceder deixa de manifesto a incapacidade e falta de planificación económica do PP. Non contar cunhas contas públicas actualizadas está a prexudicar á calidade dos servizos públicos que presta a administración local. Recoñecementos de crédito, transferencias de crédito e créditos extraordinarios foron os procedementos aos que o goberno recorreu para resolver os expedientes de gasto ordinario ou executar un plan de inversións municipais de mínimos. Fórmulas legais pensadas para situacións excepcionais que o PP emprega de forma habitual para poder dispoñer así de recursos públicos en función dos seus intereses puntuais.

Unha das promesas de Nelson Santos cando entrou a gobernar O Porriño no ano 2010, era aprobar os orzamentos municipais a finais de ano para que entraran en vigor ao inicio de cada exercicio e poder planificar así a política económica do concello. Obxectivo non cumprido polo PP a pesar de ter maioría absoluta no pleno e contar cun goberno que ten seis persoas retribuidas con dedicación exclusiva e catro con dedicación parcial. O que na actualidade están a comprobar os veciños e veciñas do Porriño é que o goberno está máis preocupado en cobrar do erario público e xestionar o concello favorecendo ao seu entorno político que na defensa do interese xeral.

Non hai motivo, nin técnico nin político que xustifique este proceder. Os veciños e veciñas do Porriño teñen dereito a coñecer de onde proceden os ingresos das contas públicas e cales son as propostas de gasto do goberno municipal. Desde o BNG esiximos que se presente unha proposta de orzamento para o ano 2015 na que se inclúan incrementos nas partidas de gasto ordinario destinadas ao fomento do emprego, a colectivos en exclusión social ou á atención de persoas dependentes, entre outras partidas de carácter social e cultural.

Na sesión extraordinaria do Pleno da Corporacióna Municipal que se vai celebrar no mes de decembro a instancias do BNG, o noso grupo municipal propón a adopción dos seguintes acordos:

Primeiro-. Aprobar o incremento do 15% sobre o importe recollido nos orzamentos do 2012, no capítulo 2 funcional 231 partida 22794 destinada ao fomento de actividades en colectivos excluídos e a súa incorporación ao orzamento municipal do exercicio 2015.

Segundo-. Aprobar o incremento do 10% sobre o importe recollido nos orzamentos do 2012, no capítulo 2 funcional 233 partida 22799 destinada á atención de persoas dependentes e a súa incorporación ao orzamento municipal do exercicio 2015.

Terceiro-. Aprobar o incremento do 15% sobre o importe recollido nos orzamentos do 2012, no capítulo 2 funcional 334 partida 22609 destinada ao fomento de actividades culturais e deportivas e a súa incorporación ao orzamento municipal do exercicio 2015.

Cuarto-. Aprobar o incremento do 15% sobre o importe recollido nos orzamentos do 2012, no capítulo 2 funcional 334 partida 22799 destinada a programación cultural e a súa incorporación ao orzamento municipal do exercicio 2015.

Quinto-. Aprobar o incremento do 75% sobre o importe recollido nos orzamentos do 2012, no capítulo 2 funcional 241 partida 22606 destinada a cursos de formación para o fomento do emprego e a súa incorporación ao orzamento municipal do exercicio 2015.

Sexto-. Aprobar o incremento do 25% sobre o importe recollido nos orzamentos do 2012, no capítulo 2 funcional 331 partida 22606 destinada a cursos e conferencias no ámbito da cultura e a súa incorporación ao orzamento

O BNG reclama un novo orzamento para incrementar o gasto social