O BNG reclama unha nova ordenanza fiscal do lixo no Porriño

O BNG reclama unha nova ordenanza fiscal do lixo no Porriño

Pedro Pereira, portavoz municipal do BNG no Porriño

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza ven de anular a tarifa aplicada ás empresas pola recollida do lixo no Porriño. O BNG alertou no seu momento da desproporcionada taxa aplicada no ámbito mercantil, comercial e industrial. O goberno do PP aprobou esta taxa de forma unilateral, con puro afán recadatorio e sen buscar os consensos necesarios, unha forma de entender o exercicio da xestión pública habitual no goberno que dirixe Nelson Santos que o TSXG ven agora de corrixir. O BNG presenta unha moción no Pleno da Corporación Municipal reclamando ao goberno local que, unha vez coñecida a sentenza, someta ao pleno a aprobación da modificación da ordenanza vixente.

Defendemos que se apliquen máis criterios que o da superficie ocupada para marcar a tarifa que deben pagar as empresas do Porriño polo servizo de recollida do lixo. Como temos demandado en distintas iniciativas políticas presentadas no concello, solicitamos que se inclúan criterios que axuden a elaborar unha ordenanza máis xusta e obxectiva, como diferenciar a superficie que dedican as empresas a oficinas e produción, ter en conta o número de traballadores contratados ou diferenciar o seu sector de actividade.

Reclamamos tamén que a nova ordenanza contemple, no referente á recollida doméstica, unha ampliación de exencións e bonificacións en función da situación económica das familias. O portavoz do Bloque, Pedro Pereira, destacou a incidencia negativa desta sentenza na economía do concello, situación que se podería agravar de reclamar as empresas o pago dos xuros correspondentes.

O BNG reclama unha nova ordenanza fiscal do lixo no Porriño