O BNG reclama menos propaganda e máis responsabilidade en materia de emprego

O BNG reclama menos propaganda e máis responsabilidade en materia de emprego

asemblea_aberta_bng

Nelson Santos e o seu concelleiro de Emprego volven valorar, triunfais, os datos do desemprego rexistrado no Porriño no mes de marzo, que contabilizan 51 porriñeses e porriñesas menos anotadas nas oficinas do Servizo Galego de Colocación. O PP debera evitar tanto triunfalismo e ter máis respecto polas 2.329 veciñ@s que se manteñen en situación de desemprego. Máxime cando 30 das 51 insercións laborais producidas este mes débense aos contratos que aprobou a Deputación para o Concello do Porriño. Contratos por horas, mal remunerados e temporais. Unha medida puramente electoralista, que para nada soluciona a problemática do emprego e coa que o PP pretende gañar vontades políticas entre as persoas máis castigadas pola crise. Desde o Bloque queremos denunciar o incremento das persoas contratadas de forma precaria e a baixo custo no concello desde que Santos entrou a gobernar coa moción de censura.

Ademais, a política de emprego do actual goberno é unha das principais liñas de investigación xudicial na denominada Operación Multiusos, que relaciona ao alcalde e membros do seu goberno coa creación dunha rede de colocación de persoas no concello e en empresas relacionadas co seu círculo político e de confianza. O propio Nelson Santos ten recoñecido ante os medios de comunicación ter “colocado” desde a Alcaldía persoas desempregadas. Independentemente da resolución da investigación xudicial, desde o BNG entendemos que existen graves responsabilidades políticas por non ter respectado a igualdade de oportunidades dos porriñeses e porriñesas.

Temos que recuperar a transparencia e colaborar desde o concello para crear un contexto que faga mellorar as cifras do paro no Porriño. BNG-Asembleas Abertas defende no seu programa electoral elaborar un estudo rigoroso sobre a situación real do desemprego no municipio, con especial atención ao desemprego xuvenil e feminino; e poñer en marcha a creación dunha Mesa Polo Emprego na que concello, xunta, empresarios, sindicatos e persoas en situación de desemprego poidan traballar conxuntamente en materia de orientación, formación e inserción laboral. Queremos que exista máis pluralidade na oferta de formación que imparte o concello e orientala, ademais de cara os sectores con tradicional peso na economía local,  a outros máis innovadores e sustentables. Queremos mellorar tamén o asesoramento das persoas emprendedoras facilitando información por parte de profesionais cualificados sobre trámites legais e subvencións.