O BNG promove un plan de emprego e vivenda para a mocidade do Porriño

A moza Diana Vázquez, candidata nº3 do BNG-Asembleas Abertas no Porriño
O BNG promove un plan de emprego e vivenda para a mocidade do Porriño

A moza Diana Vázquez, candidata nº3 do BNG-Asembleas Abertas no Porriño

O proxecto do BNG-Asambleas Abertas para O Porriño dedica un capítulo propio á mocidade, un dos colectivos que máis está sufrindo as consecuencias da crise financeira. Un plan de emprego e un programa de vivenda son as principais propostas da formación nacionalista para atallar o drama que supón a falta de oportunidades e a precariedade que afecta con crueza á xuventude.

Máis de 741 mozas e mozos da vila víronse na obriga de emigrar durante os últimos catro anos. Outras tantas fican sen posibilidades de se emancipar ou malviven con salarios de miseria que impiden un proxecto de vida de futuro.

O Plan de Emprego Xuvenil ten como obxectivo adaptar as liñas de actuación coas necesidades formativas e laborais específicas da mocidade do Porriño. Nese sentido, o BNG creará un servizo de asesoramento e información que permita orientar á xuventude na busca de traballo. Fortalecerá ademais o apoio a proxectos emprendedores, apadriñando a súa posta en marcha.

Creará un servizo de orientación á xuventude para mellorar a inserción laboral e desenvolverá un programa de alugueiro social para fomentar a emancipación das mozas e mozos do Porriño

Dentro do programa de alugueiros sociais, promovido polo BNG e enfocado a solucionar os problemas de acceso á vivenda da poboación en xeral, terá un apartado propio para a mocidade, con serias dificultades para se emancipar hoxe perante a ausencia de vivendas acordes as súas posibilidades.

O BNG-Asambleas Abertas desenvolverá iniciativas e proxectos dirixidos a dinamizar a oferta cultural e de ocio xuvenil. Entre as propostas, está a creación dunha Casa da Xuventude, con espazos para a creación artística, locais de ensaio, salas recreativas, cursos formativos e aulas informáticas.

Festival da mocidade este sábado

Este sábado, a candidatura do BNG-Asambleas Abertas realizará un festival na Praza de San Benito do Porriño dirixido precisamente á mocidade. O acto comezará ás 11.30 horas cun debate-coloquio aberto onde participará o cabeza de lista, Pedro Pereira.

Pola tarde, haberá un rastrexo urbano, seguido das actuacións do artista gráfico Yago Fernández, e dos concertos do cantante de rap Kedro, do autor Miguel Alonso, das bandas de rock Fortuitos e Panghea e do grupo de Skalingrado, que pecharán o evento

O BNG promove un plan de emprego e vivenda para a mocidade do Porriño