O BNG presentou por rexistro a convocatoria dun pleno extraordinario no Porriño

O BNG presentou por rexistro a convocatoria dun pleno extraordinario no Porriño

Pleno de onte no PorriñoO BNG ven de presentar o escrito coa orde do día do pleno extraordinario que se vai celebrar no Porriño a instancias da nosa organización política. Trataranse diversos temas de interese para a veciñanza, como a modificación da polémica ordenanza da auga aprobada polo Consorcio do Louro, unha proposta de acordo para garantir que se asinen canto antes os convenios coas asociacións culturais das parroquias, a solicitude de melloras normativas relacionadas coa enfermidade profesional contraída polos afectados da silicose, ou unha petición de comparecencia do alcalde Nelson Santos para que responda ante a cidadanía sobre o proceso xudicial no que está inmerso en calidade de imputado por supostas irregularidades e trato de favor na contratación municipal.

O grupo do BNG solicitará tamén a comparecencia plenaria da concelleira de Benestar Social e Igualdade, Teresa Veloso, para que explique no pleno a perda dunha subvención pública no seu departamento, o por que da súa negativa a facilitarnos documentación solicitada referente ao banco de alimentos SOS Porriño e para esixirlle que cumpra o acordo plenario polo que o concello se comprometeu a iniciar unha campaña informativa en defensa do dereito ao aborto.P1110756

“Xa que o goberno local non está interesado en debater os asuntos que lle preocupan á cidadanía, teremos que abrigar nós a que as cousas importantes se traten no pleno”, afirmou o portavoz do BNG, Pedro Pereira. A orde do día do pleno incluirá ademais unha moción presentada polo Bloque a instancias da Confederación Intersindical Galega (CIG), Trátase dunha petición de apoio á Iniciativa Lexislativa Popular de medidas para a creación de emprego en Galiza, presentada pola central sindical nacionalista para o seu debate no Parlamento Galego.

Unha vez presentada por rexistro a solicitude asinada polos cinco concelleiros e concelleiras do Bloque, facultados polo regulamento do pleno para convocar tres sesións extraordinarias por ano ao representar máis de 1/4 parte das actas da corporación, ábrese un prazo de 15 días para que o alcalde faga efectiva a convocatoria da sesión plenaria.

Ordenanza da auga

O BNG defenderá a xestión pública do servizo de abastecemento de auga, sumidoiros e depuración. Solicitaremos que o Concello do Porriño inste ao Consorcio de Augas do Louro para que destine mais persoal á oficina de información situada na rúa Ramón González, así como que se amplíen os prazos de adaptación contemplados na ordenanza. Reclamamos tamén do consorcio de augas que tome o acordo de rebaixar a 20m3 o volume de consumo mínimo establecido en 100m3 no artigo 4 da ordenanza de abastecemento para quen non instale en prazo os contadores, así como que se suprima a cota fixa por precinto,verificación e inspección de contadores.

O BNG presentou por rexistro a convocatoria dun pleno extraordinario no Porriño