O BNG presenta queixa denunciando abuso de autoridade por parte dun policía local

O BNG presenta queixa denunciando abuso de autoridade por parte dun policía local

carimboO pasado venres día 12 de setembro, fomos coñecedores de que un axente da Policía Local do Porriño impediu de forma violenta, que un veciño desplegara unha bandeira da patria galega durante o paso da Volta Ciclista a España polas rúas da nosa localidade.

Un video difundido polas redes sociais (pódese ver na nosa páxina de facebook), gravado por unha das persoas que agardaba a chegada dos ciclistas na rotonda que separa as rúas Avda. de Galicia, Antonio Palacios e Domingo Bueno, constata a veracidade dos feitos e revela unha imaxe das forzas da orde municipais nada gratificante para quen comparta uns mínimos principios democráticos.

Desde o BNG consideramos este feito un abuso de autoridade e un atentado contra a liberdade de expresión e pensamento. Queremos manifestar o noso máis absoluto rexeitamento ante actitudes que poñen en perigo a convivencia cidadá e atentan gravemente contra as liberdades máis básicas, polo que vimos de rexistar unha queixa por escrito no concello.

No escrito solicítase da Alcaldía que se nos responda ás seguintes preguntas:

  • É coñecedor o goberno deste grave feito?

  • Deron orde o Alcalde Nelson Santos ou o concelleiro de Seguridade José Manuel Jacobo, de retirar bandeiras galegas ao paso da volta ciclista pola nosa localidade?
  • Considera este goberno que a exposición dunha bandeira galega é motivo dunha actuación deste tipo por parte da Policía Local do Porriño?
  • Foi unha iniciativa da xefatura da Policía Local do Porriño?
  • Teñen previsto abrir expediente disciplinario ao axente implicado nestes feitos?