O BNG organiza unha charla informativa sobre a auga en Torneiros

O BNG organiza unha charla informativa sobre a auga en Torneiros

charla_auga_torneirosDesde o día 1 de xaneiro de 2014, a empresa Aqualia xestiona o servizo de abastecemento de auga potable, sumidoiros e depuración no Porriño. A privatización destes servizos supón a culminación dun longo proceso iniciado hai anos coa constitución por parte dos municipios do Porriño, Mos, Tui e Salceda de Caselas dun consorcio destinado a xestionar de forma mancomunada o ciclo integral da auga. Desde o BNG apoiamos mancomunar servizos para optimizar recursos, pero defendemos que se manteña a xestión pública dos mesmos e opoñémonos a unha privatización que nada vai facer por melloralos e que incrementa notablemente o seu custo. Sempre nos opuxemos a que se adxudicara a xestión do servizo da auga a unha empresa privada, sendo a única forza política que denunciou esta intención nas alegacións que presentamos aos estatutos que constituíron o propio Consorcio do Louro.

Existe un inmenso malestar entre a veciñanza do Porriño pola forma en que o concello xestionou este asunto. A cidadanía non ten información sobre a repercusión que supón nas economías domésticas o incremento das tarifas a aplicar (de até un 70%) e as obras complementarias que terán que realizar para adecuar as instalacións e colocar os contadores. O PP negouse a aprobar no pleno unha solicitude de modificación da ordenanza presentada polo BNG, para que fose menos lesiva para as familias. O concelleiro do PP, Manuel Carrera, mesmo chegou a relativizar o incremento no prezo do servizo. “O PP nada está a facer para que a nova ordenanza da auga non repercuta negativamente na economía das familias. Nin tan sequera se molestaron en informar aos veciños da posta en marcha deste novo modelo de xestión. Desde o BNG defendemos a xestión pública dun ben común como é a auga. A privatización está a reportar beneficios para a empresa adxudicataria en detrimento do servizo que se presta a veciños e veciñas”, sinalou o portavoz do Bloque, Pedro Pereira. A charla informativa organizada polo BNG celebrarase o mércores 14 de maio ás 20:30h na Asociación Veciñal San Salvador de Torneiros.

Os portavoces do BNG nos catro municipios afectados pola nova xestión privada da auga posta en marcha polo Consorcio do Louro, veñen de presentar alegacións á ordenanza fiscal reguladora das taxas pola prestación do servizo de abastecemento domiciliario da auga potable. A alegación presentada polo Bloque contempla rebaixas nas tarifas, introducir criterios de estimación durante o período transitorio marcado para instalar os equipos de medida, eliminar o pago por precintos e verificación dos contadores ou unha aplicación retroactiva, desde a primeira emisión de recibos, nas exencións e bonificacións que contempla a ordenanza.