O BNG non participou no pleno que Santos convocou de forma irregular para modificar a taxa do lixo

O BNG non participou no pleno que Santos convocou de forma irregular para modificar a taxa do lixo

carimboNelson Santos aprobou a modificación da taxa do lixo que se lle aplica as empresas instaladas no Porriño nun pleno extraordinario e urxente, unha figura que a lexislación local contempla para asuntos que pola súa especial gravidade e premura non poden agardar o trámite administrativo común.

O PP conta con maioría absoluta na corporación e o seu goberno percibe dez remuneracións económicas con cargo ao concello, incluído o salario dunha concelleira responsable da área de Facenda. O goberno local ten polo tanto recursos abondo para levar adiante a xestión municipal en prazo, e non ter que recurrir a medidas excepcionais que orixinan un gasto innecesario para as arcas públicas e serven para limitar o normal acceso da oposición á documentación relacionada cos asuntos a tratar nos plenos.

Tiveron todo o ano para buscar consensos e non ter que aprobar esta modificación de forma unilateral, pouco democrática e apresurada, valéndose dunha interpretación perversa da lexislación. A ordenanza do lixo é un asunto ordinario dentro da xestión municipal, non un feito imprevisible que acontece dun día para o outro, como pode ser unha catástrofe natural”, manifestou Gustavo Domínguez referíndose aos casos que contempla a lexislación local para a convocatoria de plenos extraordinarios e urxentes.

Despois de votar en contra de xustificar a urxencia da convocatoria, o Bloque abandonou a sesión anunciando que rexeitará percibir as dietas que lle corresponden por asistir a un pleno extraordinario que non se tería que ter celebrado de actuar o PP con responsabilidade.

“O Bloque ausentouse do pleno para amosar o seu desacordo ante un novo exemplo de falta de previsión e mala xestión do goberno do PP”, concluíu o concelleiro do BNG.

 Alegación do Bloque

Desde o BNG defendemos que se apliquen máis criterios que o da superficie ocupada, para marcar a tarifa que deben pagar as empresas do Porriño polo servizo de recollida do lixo. Na alegación presentada polo Bloque, solicitábase que se incluíran criterios que axuden a elaborar unha ordenanza máis xusta e obxectiva, como diferenciar a superficie que dedican as empresas a oficinas e produción, ter en conta o número de traballadores contratados ou contemplar o seu sector de actividade.

 

O BNG non participou no pleno que Santos convocou de forma irregular para modificar a taxa do lixo