O BNG leva ao pleno o fallo de seguridade no paso a nivel

O BNG leva ao pleno o fallo de seguridade no paso a nivel

O grupo municipal do Bloque presentará unha moción de urxencia no pleno de mañá xoves (18:30h) na que solicita demandar de ADIF responsabilidades e explicacións públicas polo fallo producido nas barreiras de seguridade e reclama do Ministerio de Fomento avances na supresión do paso a nivel do Porriño. O concello, en lugar de esixir responsabilidades polo acontecido dedícase unha vez máis a xustificar e exercer de portavoz de ADIF, que todavía non se pronunciou. O comunicado defendendo que o protocolo de seguridade funcionou correctamente despois de non ter baixado as barreiras cando circulaba un tren polo paso a nivel, confirma que o PP antepón os intereses do Ministerio de Fomento e ADIF, en lugar da seguridade d@s veciños e veciñas do Porriño. Para o PP a eliminación do paso a nivel e a mellora da seguridade na zona mentres esta supresión non se produce, non son unha prioridade. O goberno local non ten intención de presionar a quen corresponde para buscar unha solución definitiva a esta grave problema.

tren_pasoanivel

As obras realizadas recentemente, que foron anunciadas desde o concello como unha mellora para a seguridade de persoas e vehículos, non serviron máis que para para que os trens pasen agora a máis velocidade. Defendemos que se busquen alternativas para facer mellorar realmente a seguridade dos viandantes e vehículos, pero entendemos que non deben servir para consolidar o paso a nivel no centro do Porriño. Seguimos demandando do goberno do Estado, administración competente, a súa supresión. A cidadanía porriñesa está farta de promesas que os gobernos de PP ou PSOE nunca cumpren. Un compromiso unánime da Corporación Municipal reclamando a supresión, xunto coa unión dos porriñeses e porriñesas defendendo esta demanda, serían a mellor garantía para que esta xusta reivindicación sexa ouvida en Madrid.

Desde o Bloque somos conscientes de que a supresión depende en grande medida da saída sur desde Vigo da alta velocidade. Defendemos que a construción dunha nova variante elimine o trazado actual e evite que os trens pasen polo centro do Porriño. Negámonos a aceptar que coa construcción da nova variante se manteña a vía actual para mercadorías, como algúns proxectos teñen plantexado. De non executarse esta nova variante, contemplamos o soterramento do tramo que pasa polo casco urbano, como a mellor opción. Queremos que o paso a nivel desapareza e non imos renunciar a recuperar un espazo público en superficie, para uso dos veciños e veciñas, que entendemos fundamental no proxecto de humanización do casco urbano que iniciamos no ano 2003 e que seguimos defendendo para o noso municipio.

Mocións en defensa de melloras na Sanidade Pública do Porriño

Grupo municipal do Bloque no Porriño

O BNG presentará tamén outra moción por vía extraordinaria referente ao funcionamento do servizo de urxencias do Centro de Saúde do Porriño. Instamos ao concello a que demande do Sergas (Xunta) que dote con dous profesionais médicos e dous auxiliares por turno o servizo de urxencias do Porriño. Na actualidade, a falta de persoal neste servizo, que cubre os fines de semana os municipios do Porriño, Mos e Salceda de Caselas, impide poder combinar atención no centro con saídas e está a orixinar queixas entre profesionais e persoas usuarias. Esta iniciativa únese as xa presentadas por vía ordinaria nas que demandamos fármacos para as persoas doentes de Hepatite C, denunciamos a privatización do novo hospital de Vigo e reclamamos melloras sanitarias coa ampliación do propio Centro de Saúde e a implantación de novas especialidades médicas no noso municipio.