O BNG insta ao goberno a non retrasar máis a sinatura dos convenios coas asociacións culturais

O BNG insta ao goberno a non retrasar máis a sinatura dos convenios coas asociacións culturais

Ana Bastos

O Concello do Porriño asina anualmente convenios con todas as asociacións culturais, a través dos cales reciben unha determinada contía económica destinada á organización de diversas actividades socioculturais dirixidas aos seus veciños e veciñas. Nos últimos anos, o incumprimento dos prazos á hora de facer efectivo o ingreso destas contías ten causado graves prexuízos tanto na economía das asociacións como na planificación das súas actividades. Toda asociación cultural necesita facer unha previsión de ingresos e gastos para desenvolver o seu programa cultural. O obxectivo dos convenios é achegar medios económicos para que as asociacións fagan un cálculo dos gastos que poden asumir para o seu funcionamento interno e, ao mesmo tempo, poder ofrecer unha programación cultural de calidade nas parroquias. “Esta planificación estase a ver condicionada polo retraso nos pagamentos por parte do concello, afectando negativamente á liquidez das asociacións, que mesmo están a anticipar cartos para facer fronte ás obrigas contraídas con terceiros”, afirmou a concelleira do BNG, Ana Bastos.

A falla de planificación da concellería de Cultura e Festexos está a producir tamén que moitas veces se solicite a participación das asociacións nos actos culturais do concello de un día para outro, co trastorno que isto provoca para poder garantir a asistencia dos grupos culturais parroquiais a estas chamadas de última hora. “O PP está a suplir a súa falta de programación cultural coa participación das asociacións, que non poden negarse a participar nos actos do concello ante a ameaza de perder a subvención”, sinalou a concelleira.

O BNG solicita que as asociacións culturais sexan convocadas canto antes para establecer as condicións dos convenios para o exercicio 2014. Desde o Bloque propoñemos introducir unha cláusula que obrigue ao concello a facilitar coa suficiente antelación un avance da participación das asociacións na programación cultural municipal a efectos de coordinar a colaboración entre entidades. A nosa proposta inclúe incorporar tamén novas cláusulas a respecto das contías económicas a percibir. Entendemos que os convenios deben aportar unha parte fixa para o funcionamento ordinario das asociacións e outra variable en función do número de actividades, grupos, participantes ou actuacións comprometidas. “Desde o BNG temos comprobado que as condicións dos convenios non son pactadas entre as partes. Son redactadas polo concello e expostas ás asociacións para que sexan aceptadas sen máis discusións. Entendemos que as condicións dos convenios deben ser negociadas e non impostas desde o goberno”, concluíu Ana Bastos.