O BNG esixe a demisión de Nelson Santos

O BNG esixe a demisión de Nelson Santos

Pedro Pereira, portavoz municipal do BNG no Porriño

A titular do xulgado de instrución número 3 do Porriño mantén a imputación de Nelson Santos e José Manuel Jacobo, ampliándoa agora a outros membros do goberno do PP, na causa aberta por suposta prevaricación, malversación de fondos públicos e trato de favor a empresas amigas. Unha vez a xuíza levantou o segredo de sumario previo ao inicio do xuízo oral, mantéñense as imputacións do alcalde e doutros concelleiros do goberno por saltarse a legalidade e contratar, supostamente a dedo, empresas afíns ao PP para a prestación de obras e servizos municipais. O BNG esixe ás persoas imputadas que asuman as correspondentes responsabilidades políticas e presenten a súa dimisión. “Persoas imputadas por suposta corrupción non poden manterse en cargos públicos. A gravidade das acusacións esixe que se asuman responsabilidades políticas”, afirmou o portavoz do BNG”, Pedro Pereira.

A investigación xudicial destapou ademais a existencia dunha suposta rede clientelar creada polo PP desde o concello, coa colaboración de empresas afíns, para saltar os procedementos legais en materia de contratacion laboral, obras e servizos. Nelson Santos optou por non respetar os procedementos administrativos  para vender favores políticos antes de promover politicas activas de emprego onde todos demandantes concurran en igualdade de oportunidades e atendendo aos mesmos criterios de valoracion “Parécenos lamentable que nun momento especialmente grave para moitas familias no Porriño, onde temos unha taxa de desemprego elevada, o goberno pretenda aproveitarse de quen non atopa traballo para o seu beneficio partidista, Estas son as verdadeiras políticas de emprego do PP”, declarou Pereira.

Nelson Santos entrando a declarar nos xulgados por suposta prevaricación e trato de favor a empresas amigas

Dado que os expedientes investigados afectan a contratos con empresas que teñen prestado ou prestan servizos ao concello, e que responsables das mesmas foron chamados a declarar no xulgado e tamén están imputados na causa, desde o Bloque solicitamos que o Concello do Porriño rescinda inmediatamente toda aquela relación contractual existente coas empresas encausadas.

Coñecedores de que a policía xudicial e o xulgado que instrúe o caso solicitaron numerosa documentación do concello para incorporar á causa xudicial aberta, o BNG solicitou unha comparecencia pública do alcalde convocando un pleno extraordinario no que lle esiximos que informe á corporación e ao conxunto da cidadanía da súa situación xudicial e dos expedientes investigados. Esta sesión extraordinaria celebrarase finalmente a semana que ven. “O alcalde non pode agocharse por máis tempo nin aferrarse a que non fixo nada. Ten que dar explicacións concretas sobre a situación xudicial do seu goberno e a veciñanza ten dereito a coñecelas de primeira man”, concluíu o portavoz do Bloque.

O BNG esixe a demisión de Nelson Santos