O BNG denuncia que se legalicen obras con expedientes abertos de disciplina urbanística

Pleno de onte no Porriño
Pleno de onte no Porriño
O BNG denuncia que se legalicen obras con expedientes abertos de disciplina urbanística

Pleno de onte no Porriño

O Concello do Porriño aprobou en pleno, cos votos a favor do PP e a abstención do PSOE, uns criterios de interpretación sobre a rasante no interior das parcelas do polígono SUR-PPI-7 baseados nos xa existentes para o polígono da Granxa. En lugar de optar pola modificación da ordenanza de aplicación do PPI-7, o goberno do PP aprobou aplicar neste polígono os criterios do polígono da Granxa. A intención do goberno local non é outra que legalizar unha obra que ten aberto un expediente de disciplina urbanística modificando os criterios xerais.

Desde o BNG consideramos que o concello non debe dar cobertura legal a expedientes que non cumpriron coa licenza urbanística outorgada, polo que a modificación sobre rasantes aprobada onte para o PPI7 debera afectar só ás construcións futuras. Votamos en contra desta aprobación ao entender que non se pode aplicar unha mesma interpretación cando non son iguais as características dos dous polígonos. O PP está a atender os intereses particulares dunha empresa en lugar de garantir o interese xeral. Coñecedor de que a obra realizada non se corresponde co proxecto presentado no seu día no concello, legaliza agora esta irregularidade en lugar de aplicar a orde de execución polo que se tería que demoler a edificación construída.

Non é a primeira vez que o goberno do PP no Porriño legaliza casos particulares modificando a normativa urbanística xeral. Desde o BNG queremos denunciar a pasividade que está a manter este goberno local ante diferentes expedientes abertos de disciplina urbanística con orde de execución. No pleno de onte preguntamos polos casos de Vimageda, na rúa Doantes de Sangue, ou polo caso de Comercial Bugarín, no núcleo rural de Mosende, tamén con expedientes abertos de disciplina urbanística.