O BNG denuncia o desmantelamento do sistema sanitario e demanda fármacos para doentes de Hepatite C

O BNG denuncia o desmantelamento do sistema sanitario e demanda fármacos para doentes de Hepatite C

Grupo municipal do Bloque no Porriño

O desmantelamento do sistema sanitario público é a folla de ruta do Goberno galego. Privatizacións, menos cartos, menos medios e as listaxes de espera disparándose son o resultado das políticas do PP. Na área sanitaria de Vigo, da que as porriñesas e porriñeses facemos parte, padecemos especialmente esta situación. A Xunta recorta en infraestruturas e mantén a estratexia de privatización do novo hospital. No Porriño négase, coa complicidade do goberno de Nelson Santos, a ampliar o Centro de Saúde cando xa lle foron cedidos, durante o goberno do BNG, os terreos necesarios para levala a cabo. A instalación de novas especialidades médicas no noso municipio, necesaria para que as persoas usuarias do centro sanitario do Porriño non se teñan que desprazar a Vigo para realizar moitas consultas médicas, segue sen resolverse. Esta situación de deterioro da nosa sanidade está a provocar a reacción da cidadanía a través das demandas da Plataforma SOS Sanidade Pública ou de iniciativas nas institucións que presentan forzas políticas como o BNG.  Unha maioría social quere deter esta política de recortes e privatizacións co fin de garantir un dereito constitucional, a protección da saúde.

O BNG está a presentar iniciativas municipais demandando a constitución e convocatoria dos consellos de saúde de área, tal e como recolle a Lei de Saúde de Galiza. Son organismos participativos integrados por concellos, asociacións veciñais, organizacións sindicais e empresariais, profesionais do sector, administración autonómica ou asociacións de pacientes de cada área sanitaria nos que debater as necesidades do sistema público de saúde. Trátase de reclamar que se cumpra a lei e promover unha participación social que obrigue a administración sanitaria e o goberno da Xunta a escoitar as alternativas e suxestións da cidadanía. A sanidade pública constitúe un elemento básico do Estado Social e un claro indicador de equidade e solidariedade, por iso solicitamos do Pleno da Corporación do Porriño un acordo para que se activen mecanismos que axuden a reclamar das autoridades competentes unha mellora deste servizo público esencial.

Doentes de Hepatite C

A enfermidade hepática causada polo Virus de Hepatite C (VHC) constitúe un grave problema de saúde pública. A situación xerada polos restrictivos criterios establecidos para que persoas afectadas por esta doenza poidan acceder a novos tratamentos con alta taxa de curación e a negativa a negociar coa industria farmacéutica unha rebaixa no seu prezo, está a infrinxir un dano incalculable aos numerosos afectados e afectadas. O PP volve demostrar que prefire posicionarse do lado d@s poderosos que d@s que máis o precisan.

Desde o BNG solicitamos garantir o acceso inmediato ás novas terapias para todos os casos definidos como de tratamento urxente e que os medicamentos de última xeración para tratar esta doenza se dispensen nas farmacias hospitalarias. O PP négase a facer política preventiva e pretende deixar fora a miles de doentes actuando contra o dereito universal á saúde. O BNG reclamará que o pleno do Concello do Porriño se posicione a favor das persoas afectadas e inste ao Goberno Galego a tomar as medidas necesarias para que a terapia cos novos fármacos para a Hepatite C se dispense a aqueles doentes a que lle for prescrita por persoal médico especialista do Servizo Galego de Saúde. Desde o Bloque apoiamos as reivindicacións da Plataforma Galega de Afectad@s pola Hepatite C.