O BNG demandará no pleno solucións para os cheiros do matadoiro

O BNG demandará no pleno solucións para os cheiros do matadoiro

Empresa Frigolouro no Porriño

A empresa Frigolouro, do Grupo Coren, está a producir intensos cheiros e ruídos que repercuten negativamente na calidade de vida dos veciños e veciñas do Porriño. Está problemática vai en aumento nos últimos meses e ten unha incidencia negativa en gran parte do casco urbano do municipio. Non comprendemos a que se debe este incremento dos cheiros, máxime agora que a empresa verte ao colector do Louro e conta cun sistema para paliar as emisións da súa depuradora de residuos. Situacións que pensabamos superadas hai anos estanse a producir de novo. Desde o BNG temos reclamado ao Concello do Porriño que se poña en contacto coa empresa para esixir unha solución ao problema o máis pronto posible, xa que son numerosas e públicas as queixas dos veciños e veciñas do Porriño que viven nas inmediacións de Frigolouro e no casco urbano en xeral. "Non se trata de algo puntual, os fortes cheiros e os ruídos estanse a producir de forma continuada", afirmou a concelleira do BNG, Aurora Rivas. O BNG defenderá no pleno previsto para o vindeiro luns (3 de novembro) unha moción demandando solucións ante esta insostible situación.

A moción presentada polo Bloque busca o acordo do Pleno da Corporación Municipal para instar á empresa Frigolouro-Grupo Coren a paliar os ruídos e cheiros orixinados pola actividade do matadoiro. “Traemos este asunto ao pleno despois de non recibir resposta á nosa demanda de que o goberno se poña en contacto coa empresa para esixir solucións. Non compartimos a pasividade do goberno e agardamos conseguir un mandato plenario que os obrigue a actuar”, sinalou a concelleira, que volveu lembrar que sigue sen coñecerse a autoría do vertido do río Louro producido no mes de setembro na zona onde se ubica a empresa. Rivas volveu esixir que se fagan públicos os resultados das investigacións realizadas por Frigolouro e polas administracións competentes.

O BNG demandará no pleno solucións para os cheiros do matadoiro