BNG-Asembleas Abertas preséntase no Porriño co obxectivo de desaloxar ao PP do goberno

BNG-Asembleas Abertas preséntase no Porriño co obxectivo de desaloxar ao PP do goberno

foto_lista_municipais_2015A asamblea local do BNG aprobou por unanimidade a lista coa que a esquerda nacionalista, baixo a fórmula Bloque Nacionalista Galego-Asembleas Abertas, concurre ás eleccións municipais de maio no Porriño.  Presentámonos  co obxectivo de derrotar ao PP. Temos proxecto de goberno para O Porriño e a experiencia necesaria para levalo a cabo. A lista combina a inclusión de caras novas coa presenza de persoas con dilatada experiencia na xestión e na política municipais. Destaca a nutrida presenza de mulleres, mocidade, persoas independentes que participaron no proceso de asembleas abertas e xente procedente do tecido asociativo local.

Encabeza a candidatura Pedro Pereira, actual portavoz municipal ademais de responsable comarcal na Louriña-Condado-Paradanta. Profesional superior en electrónica de telecomunicacións  e cursando estudos universitarios en Administración de Empresas, iniciou a súa actividade social e política no asociacionismo veciñal, na parroquia de Atios. Foi concelleiro de Urbanismo e Vías e Obras durante o goberno do BNG, impulsando desde as áreas das que foi responsable importantes proxectos como a humanización do casco urbano ou a chegada da rede de saneamento ás parroquias rurais do Porriño. Temos a certeza de contar co mellor candidato. Pedro é garantía de traballo constante, trato igualitario e coñecemento da realidade local.

Ademais de Pedro Pereira (1), forman parte da candidatura BNG-Asembleas Abertas; Sabela Landín (2, independente), técnica informática e coordinadora do Banco de Alimentos da CIG; Diana Vázquez (3, independente), estudante de Bioloxía e animadora sociocultural; Marcelo Rodríguez (4), filólogo e educador ambiental; Mónica Bugarín (5), diplomada en Ciencias Empresariais, funcionaria da Xunta e anterior portavoz municipal do Bloque; Gustavo Domínguez (6), ex-ciclista profesional, axente comercial e actual concelleiro; Patricia Pampillón (7), auxiliar de axuda a domicilio e presidenta da AAVV San Salvador de Torneiros; Ana Bastos (8), filóloga, profesora de galego e actual concelleira; e Aurora Rivas (9), mestra e tamén actual concelleira do Bloque.

Continúan nun segundo tramo  Javier Soliño (10, independente), traballador na automoción, delegado sindical da CIG e presidente da Xunta de Montes de Torneiros; Cesar Lourido (11), activista cultural; Míriam Martínez (12), traballadora social e ex-concelleira no goberno do BNG ; e Juan González (13), traballador na automoción e actual concelleiro; Begoña de Almeida (14, independente), traballadora na industria farmacéutica ; Elia Lago (15), activista no movemento estudantil; Manuel Sánchez (16), licenciado en Ciencias Políticas e responsable local do BNG no Porriño; fecha a lista Obdulia Diniz (17), traballadora da CIG e ex-concelleira no goberno do BNG.

O Bloque inicia agora unha segunda fase de contactos con colectivos e veciñ@s, nunha nova rolda de asembleas abertas que ten como obxectivo terminar de configurar o programa electoral. Un programa de goberno que terá como eixos fundamentais rematar co clientelismo e garantir a igualdade de oportunidades para todos e todas, facilitar a participación da cidadanía nas decisións políticas, defender os servizos públicos, protexer o medio natural, executar e conectar máis rede de saneamento, defender a nosa identidade cultural e lingüística ou retomar o proceso de humanización do casco urbano iniciado no 2003, entre outros asuntos.