O BNG acusa ao PP de ser o responsable do retraso na regularización das canteiras

O BNG acusa ao PP de ser o responsable do retraso na regularización das canteiras

SANYO Digital CameraO BNG votou a favor no pleno de iniciar o proceso de regularización das canteiras por responsabilidade política. Entendemos que é necesario regularizar a ocupación dos terreos comunais para que as empresas que explotan as canteiras podan obter licenza de actividade e garantir a seguridade xurídica necesaria para un dos sectores estratéxicos da economía porriñesa. “Durante o debate instamos ao goberno local a traer no próximo pleno os expedientes pendentes tanto de canteiras como de graveiras para a súa regularización antes de fin de ano. Os aprobados só afectan a dúas das trece empresas que actualmente teñen actividade nos montes de Atios e Budiño”, afirmou o portavoz do Bloque, Pedro Pereira.

Pedro Pereira, portavoz municipal do BNG no Porriño

Xa no 2004, ao ano de entrar a gobernar en minoría o BNG, levamos ao pleno unha proposta de regularización para pasar do canon de explotación existente a un novo canon de arrendamento que puxera fin á situación irregular na que se atopaban as explotacións. “En termos moi semellantes ao que se ven de aprobar agora no pleno”, sinalou Pereira. Daquela, a oposición do PP e do grupo independente da dereita, IdP, do que era concelleiro o actual alcalde Nelson Santos, votou en contra e impediu que se iniciara o proceso. “Antepuxeron os seus intereses políticos ao interese xeral. Non querían que un goberno do Bloque iniciase a legalización das canteiras”, afirmou o portavoz nacionalista.

O PP empregou sempre este tema de forma interesada e partidista. É o principal responsable no retraso das regularizacións xa que contou con sucesivas maiorías plenarias que lle terían permitido iniciar un proceso que non quixo afrontar. Primeiro durante os gobernos de Barros, onde nada se fixo para darlle solución ao problema, despois coa súa oposición á proposta presentada polo BNG no 2004 e agora retrasando a súa aprobación até meses antes das eleccións municipais.“Cando Nelson Santos afirma nos medios de comunicación que as canteiras levan cen anos en situación irregular está ocultando que a dereita porriñesa é a principal responsable deste retraso”, concluiu Pedro Pereira.