O BNG acusa ao PP de atentar contra a obra de Palacios no Porriño

O BNG acusa ao PP de atentar contra a obra de Palacios no Porriño

fonte_cristo

Fai aproximadamente un mes, o Concello do Porriño decidiu colocar uns monolitos de pedra, coa súa correspondente placa de bronce, para sinalizar as obras do arquitecto Antonio Palacios no Porriño. Descoñecemos si esta decisión foi avalada pola autorización da Consellería de Cultura e Patrimonio da Xunta de Galicia. Ao noso entender, a nova sinalización atenta directamente contra a obra do arquitecto porriñés, tanto pola ubicación das sinalizacións coma polo formato das mesmas.

As obras de Antonio Palacios no Porriño, “A Fonte do Cristo”, a “Botica Nova” , a ”Casa do Concello” ou o “Templete de acceso ao metro da rede de San Luis”, merecen ser difundidas e conservadas e non poden ser obxecto por parte da administración local, de actos que atenten contra a súa integridade como elementos arquitectónicos ou escultóricos da paisaxe urbana do Concello do Porriño.

O grupo municipal do BNG no Porriño ven de presentar unha moción na que se solicita do Pleno da corporación a adopción dun acordo para retirar os monolitos, que teñen unha incidencia negativa sobre tan importante patrimonio arquitectónico. Desde o Bloque entendemos que de ser acordada a necesidade de sinalizar estas obras, o proxecto debe ser sometido a informe previo do persoal técnico de patrimonio da Xunta de Galicia, polo que vimos de presentar tamén o pertinente escrito ante a administración autonómica denunciando os feitos.