BNG-AA presenta a súa candidatura no Porriño nun acto público aberto e participativo

Candidatura BNG-Asembleas Abertas no Porriño
Candidatura BNG-Asembleas Abertas no Porriño
BNG-AA presenta a súa candidatura no Porriño nun acto público aberto e participativo

Candidatura BNG-Asembleas Abertas no Porriño

O Bloque arranca a precampaña no Porriño cun acto público aberto e participativo (Sábado 25 abril. 12h. No edificio dos Antigos Xulgados. Domingo Bueno 13) no que dará a coñecer a súa candidatura aos porriñeses e porriñesas e presentará os eixos fundamentais do seu programa electoral. Contaremos cunha actuación musical e poderanse formular preguntas e debater sobre o proxecto de cambio que queremos liderar no O Porriño a partir do 24 de maio.

A lista BNG-Asembleas Abertas combina experiencia de goberno e coñecemento da realidade local con ilusión e folgos renovados. Destaca a nutrida presenza de mulleres, mocidade, persoas independentes que participaron no proceso de asembleas abertas e xente procedente do tecido asociativo local. Apostamos por introducir caras novas en postos de saída, arroupándoas coa experiencia de persoas que xa teñen participado na xestión de goberno. A totalidade dos concelleiros e concelleiras do grupo municipal do Bloque, participan da candidatura.

Encabeza Pedro Pereira, actual portavoz municipal do Bloque no Porriño e concelleiro de Urbanismo e Vías e Obras no goberno do BNG.  Ademais de Pereira (1), forman parte da candidatura BNG-Asembleas Abertas; Sabela Landín (2), técnica informática e coordinadora do Banco de Alimentos da CIG; Diana Vázquez (3), estudante de Bioloxía e animadora sociocultural; Marcelo Rodríguez (4), filólogo e educador ambiental; Mónica Bugarín (5), diplomada en Ciencias Empresariais, funcionaria da Xunta e anterior portavoz municipal do Bloque; Gustavo Domínguez (6), ex-ciclista profesional, axente comercial e actual concelleiro; Patricia Pampillón (7), auxiliar de axuda a domicilio e presidenta da AAVV San Salvador de Torneiros; Ana Bastos (8), filóloga, profesora de galego e actual concelleira; e Aurora Rivas (9), mestra e tamén actual concelleira do Bloque.

Continúan nun segundo tramo  Javier Soliño (10), traballador na automoción, delegado sindical da CIG e presidente da Xunta de Montes de Torneiros; Cesar Lourido (11), activista cultural; Míriam Martínez (12), traballadora social e ex-concelleira no goberno do BNG ; Juan González (13), traballador na automoción e actual concelleiro; Begoña de Almeida (14), traballadora na industria farmacéutica ; Elia Lago (15), activista no movemento estudantil; Manuel Sánchez (16), licenciado en Ciencias Políticas e responsable local do BNG no Porriño; e Obdulia Diniz (17), traballadora da CIG e ex-concelleira no goberno do BNG. Como suplentes figuran Marcos Rodríguez, empresario do granito e ex-concelleiro no goberno do BNG; Camila Moreira, traballadora na industria farmacéutica; e Perfecto González, axente de seguridade.

O programa de goberno de BNG-AA terá como eixos fundamentais rematar co clientelismo e garantir a igualdade de oportunidades para todos e todas, facilitar a participación da cidadanía nas decisións políticas, defender os servizos públicos, reforzar políticas de emprego e benestar social, protexer o medio natural, difundir a nosa identidade cultural e lingüística e ordenar o territorio baixo criterios sustentables.