O traballo do BNG no Concello consegue o desbloqueo e aprobación por unanimidade da cesión dos terreos para ACEESCA no Porriño

No pleno de xaneiro tamén se aprobou unha permuta de terreos coa Xunta de Montes de Torneiros

O traballo do BNG no Concello consegue o desbloqueo e aprobación por unanimidade da cesión dos terreos para ACEESCA no Porriño

As xestións de Pereira, concelleiro de Patrimonio do Porriño logran consolidar ACEESCA no concello. O nacionalista conseguiu desbloquear o expediente que levaba sen resolver mais dun ano, logrando un acordo satisfactorio para ambas partes que acadou a unanimidade no pleno municipal do pasado 29 de xaneiro.

O concelleiro nacionalista Pedro Pereira, manifestou que “o mantemento das instalacións de ACEESCA no Porriño é unha cuestión importante para O Porriño e tamén para o BNG”, como xa lle manifestara á xerente da asociación antes da entrada dos nacionalistas no goberno municipal.

Dende a entrada do BNG no goberno, os seus primeiros esforzos foron dedicados a unha mellora na xestión das súas áreas de responsabilidade, entre outros, dirixidos a desbloquear este tema, materializándose o pasado do mes de xaneiro -coa aprobación por unanimidade do pleno- a cesión por 30 anos dun terreo de 8.000 metros cadrados para que a Asociación execute o seu proxecto de FP Dual no concello. Nos vindeiros meses, segundo indicou Pereira, o Concello tamén se comprometeu a iniciar os traballos de adecuación da parcela.

No mesmo pleno de xaneiro tamén se logrou materializar a permuta coa Comunidade de Montes de Torneiros das parcelas “Laxes” e “Ribeira”. Esta era unha permuta que levaba parada tempo, tratábase dunha parcela sobre a cal se atopan naves municipais, facendo preciso polo tanto que se regularizase esta situación canto antes. Esta permuta foi tamén aprobada por unanimidade de todos os grupos políticos da corporación municipal.

O concelleiro de Patrimonio, Pedro Pereira, agradeceu no mesmo pleno a boa predisposición e colaboración da Comunidade de Montes de Torneiros para levar a cabo esta permuta.

O traballo do BNG no Concello consegue o desbloqueo e aprobación por unanimidade da cesión dos terreos para ACEESCA no Porriño