Recorrer contra a sentenza das canteiras, como indicou o BNG, será prexudicial para os intereses do Concello

WhatsApp Image 2018-03-19 at 16.24.13
Pleno municipal do 19 de marzo

O voto unísono de PSOE, UDDL e PP pecha unha saída negociada ao conflito e privará ás arcas municipais dos ingresos das canteiras de Atios

Recorrer contra a sentenza das canteiras, como indicou o BNG, será prexudicial para os intereses do Concello

O BNG lamenta que a proposta de non recorrer contra a sentenza das canteiras e asinar un convenio coa comunidade de montes de Atios non fose apoiada polo pleno. Nunha curiosa coincidencia de argumentos, o goberno local, sostido por UDDL e o PSOE, uniu os seus votos aos do Partido Popular para tomar unha decisión que dende o BNG consideramos errada e prexudicial para os intereses de todos os porriñeses e porriñesas. O concello non poderá contar agora –nin previsiblemente no futuro–, coas rendas de alugueiro percibidas das explotacións mineiras. Tales ingresos non poden figurar nos actuais orzamentos municipais. Ademais, haberá que ampliar a partida de gastos xudiciais ante unha eventual condena en custas cun fallo desfavorable en apelación. Tamén lamentamos que o goberno municipal culpabilice a Comunidade de Montes de Budiño, acompañada de varios veciños  presentes no pleno,  de non asinar un convenio entre as dúas entidades. Instamos dende o BNG ao goberno municipal a que se reúna coa comunidade de montes de Budiño e asine canto antes un convenio  de colaboración sobre as rendas procedentes  da ocupación de terreos polas canteiras.

Non é “nin populista nin oportunista” –tal e como desafortunadamente cualificou o señor Marcelino Coto a moción do BNG– pedir que o concello poña fin ao preito xudicial das canteiras e acade un acordo cos veciños. Non o é porque tampouco o foi cando este goberno do que forma parte o señor Coto decidiu non recorrer contra unha sentenza de 1ª instancia que lle daba a razón á comunidade de montes de Torneiros na súa demanda de propiedade sobre os terreos onde se asenta o colexio Santo Tomás. Daquela o concello non recorreu, por que agora si? Prevaricou o goberno nese caso? Non, non prevaricou, como tampouco prevaricou o goberno do BNG cando decidiu non recorrer contra un auto xudicial que lle daba a titularidade dos montes de Cataboi, o Roxo ou Vilafría á comunidade de montes de Atios. Tampouco prevaricaron en Mos, onde, ante unha sentenza desfavorable, decidiron non seguir preiteando e acadaron un acordo cos comuneiros de Tameiga. É demagóxico e irresponsable descualificar as mocións doutros grupos políticos que procuran solución aos problemas, que priorizan o pacto sobre o enfrontamento e que, non menos importante, pretenden asegurar a estabilidade económica do concello. Ulos informes dos técnicos municipais que advirten sobre a “obriga legal e moral” de recorrer contra unha sentenza en 1ª instancia? Quen defende máis os intereses das porriñesas e porriñeses, quen afonda na tensión e alonga o problema, ou quen procura o acordo e o aforro de custos?

Moi cuestionable e criticable é tamén a posición do voceiro do PP. Na súa intervención o señor Carlos Martínez demostrou un descoñecemento e falla de rigor histórico preocupantes a respecto dos montes veciñais do municipio. Falar de “inseguridade xurídica” cando hai unha sentenza que lle dá a razón aos veciños e outra que non lla dá, pon de manifesto a fraxilidade xurídica do seu argumento. A sentenza de Budiño non nega a realidade veciñal do monte Cerola e Faro, simplemente desestima a demanda dos veciños por unha cuestión técnica de delimitación do monte comunal. No caso de Atios non existe ese problema de identificación e delimitación do monte veciñal Carrascal e Laxedo. Inseguridade é a que viven as arcas municipais ante a falta de control recadatorio sobre as empresas que ocupan os terreos das canteiras. El, como edil de Patrimonio no seu día e con familia de longa tradición no sector, sabe ben en que situación de irregularidade se atopan moitas explotacións. Valoramos o seu labor de regularización de varias canteiras cando tivo responsabilidade de goberno, pero non admitimos que poñer fin a un preito e recoñecer a propiedade veciñal das canteiras supoña inseguridade xurídica para o concello do Porriño. Máis ben, todo o contrario.

Recorrer contra a sentenza das canteiras, como indicou o BNG, será prexudicial para os intereses do Concello