Moción relativa á defensa da Serra do Galiñeiro

Moción relativa á defensa da Serra do Galiñeiro

O grupo municipal do BNG, ao abeiro do Regulamento orgánico municipal, presenta a seguinte moción para o seu debate en Pleno.

 
   

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A Serra do Galiñeiro esténdese dende o Macizo do Galiñeiro, entre os concellos de Vigo, Mos, O Porriño e Gondomar, seguindo unha dirección N-S cara ao Monte Aloia en Tui, con alturas que superan os 700 metros sobre o nivel do mar. Trátase dun macizo pétreo singular, de orixe granítico e orixinado polos intensos movementos continentais de hai 400 a 240 millóns de anos. Un verdadeiro paraíso rochoso e un emblema paisaxístico do Sur de Pontevedra, cunha silueta peculiar que o caracteriza, e que é visible desde moitos puntos da contorna a moitos quilómetros de distancia.

A cidadanía, amais de facer un uso responsábel da zona, entende e comparte a necesidade de conservación da Serra do Galiñeiro. Así, xa no ano 2010 multitude de colectivos sociais (veciñais, culturais, ecoloxistas, comunidades de montes, deportivos, etc.) adheríronse ao Manifesto pola defensa da Serra do Galiñeiro para preservar os seus valores paisaxísticos, arqueolóxicos, etnográficos, sociais e ecolóxicos; opoñéndose expresamente ás explotacións industriais e non renovables, expresamente contra a construción do Parque Eólico, reclamando unha maior protección legal (dentro das categorías previstas na Lei de Conservación da Natureza) para este espazo, como pode ser a ampliación do Parque Natural do Monte Aloia a todo o cordal da Serra do Galiñeiro. Medida esta que foi solicitada no seu momento pola Comunidade de Montes de Vincios e iniciado o seu estudo para tramitación no ano 2008, polo goberno da Xunta de Galiza.

Nesta mesma liña, os plenos municipais da maior parte dos concellos da bisbarra teñen aprobadas mocións en apoio da conservación e protección da Serra. Ademais, por parte do BNG presentamos en novembro de 2012 alegacións ante a xefatura territorial de Pontevedra da Consellaría de Economía e Industria contra da instalación dun parque eólico na Serra do Galiñeiro, así como esiximos mediante mocións nos concellos e iniciativas no Parlamento Galego, que se declarase área protexida e a súa incorporación ao Parque Natural do Aloia.

Con estes antecedentes é de lamentar que no mes de xullo deste ano, representantes dun grupo saudí (Alfanar Group) asociado coa empresa madrileña Capital Energy, mantiveran xuntanzas con algúns concellos da serra para ver de impulsar outra vez o proxecto do citado Parque Eólico.

Todo isto por mor dun Goberno da Xunta inoperante que non foi quen de dotar á Serra do Galiñeiro da protección legal demandada ao longo destes anos, a pesar que en 2013 anunciou a súa decisión de ampliar a súa protección como “espazo natural local” toda vez que descartaba a súa integración no Parque Natural do monte Aloia, feito este que impediría o desenvolvemento de calquera proxecto deste tipo na serra.

Polo anteriormente exposto, o Grupo Municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción dos seguintes

ACORDOS

1.- Instar ao Pleno da Corporación a manifestarse contrario á calquera proxecto de instalación dun parque eólico na Serra do Galiñeiro.

2.-Instar a Xunta de Galiza a declarar negativa calquera posíbel autorización administrativa de proxecto de execución de parque eólico e de declaración de utilidade pública, a fin preservar os valores e funcións económicas, ambientais e sociais do monte, por supoñer un impacto ambiental CRÍTICO sobre a paisaxe e o patrimonio natural e cultural deste ámbito, sendo totalmente contraditorio co establecido pola Lei 8/95 do Patrimonio Cultural de Galiza, Lei 16/1985 do Patrimonio Histórico Español e Lei 9/2001 de Conservación da Natureza, Directiva Europea 92/43/CEE, Directiva Europea 79/409/CEE, Catálogo Galego de Especies Ameazadas, D. 88/2007 e Lei 7/2012 de montes de Galiza.

3-Que a Xunta de Galiza retome a tramitación de área protexida para a Serra do Galiñeiro e a súa incorporación ao Parque Natural do Aloia.

4.- Trasladar os presentes acordos á Presidencia da Xunta de Galiza, ao resto de concellos que conforman a Serra do Galiñeiro e a todos os grupos parlamentares do Parlamento Galego.