Inauguramos nova sede local

O BNG do Porriño inaugurou o pasado venres o seu novo local, nun acto aberto á veciñanza e colectivos locais no que estivo presente Luís Bará

Inauguramos nova sede local

Esta nova sede local pretende ser un espazo aberto a todos aqueles veciños e veciñas que teñan a ben compartir as súas preocupacións, iniciativas ou calquera cuestión que afecte a vida diaria na localidade.

O BNG pretende servir de canle á hora de tratar todos aqueles temas que preocupan á veciñanza do concello, tanto a nivel municipal, a través do traballo do noso portavoz municipal Pedro Pereira; como a nivel nacional, a través dos nosos deputados no Parlamento Galego. Así o comentaba Luís Bará o pasado venres e así se ten demostrado nas diferentes ocasións en que o BNG conseguiu que O Porriño tivese voz no Parlamento.

Foi Luís Bará quen acadou no pasado mes de decembro un acordo unánime do Parlamento Galego  para iniciar as medidas necesarias  contra os riscos á saúde dos solos contaminados  por  lindano no Concello do Porriño e BNG continuará vixiando o cumprimento deste acordo que consideramos imprescindible para procurar unha solución definitiva á contaminación que sofren diferentes zonas do noso concello e do concello veciño de Mos.

Tamén a situación dos traballadores e traballadoras de Maderas Iglesias está presente na loita do BNG no Parlamento. O pasado 24 de xaneiro Luís Bará volveu reclamar actuacións por parte da Xunta para garantir a continuidade da empresa, despois de lograr recentemente a aprobación por unanimidade dunha proposición instando ao goberno galego a realizar as accións necesarias ante a dirección da empresa para garantir a súa continuidade, manter os 250 postos de traballo e velar polos dereitos laborais.

É por todo isto que o BNG mantén abertas as súas portas, pois consideramos fundamental o achegamento á veciñanza para ter coñecemento directo daquelas cuestións que afectan ao día a día das persoas. A nova sede local do BNG sitúase na rúa Ramón González nº14 – Local A.