Eva García de la Torre actúa con falta de transparencia na compra dun local comercial para a aula da UNED

A alcaldesa financia a compra dun local con fondos procedentes do patrimonio do solo, fondos comprometidos para proxectos de inversión dos orzamentos de 2018

Eva García de la Torre actúa con falta de transparencia na compra dun local comercial para a aula da UNED

Desde o BNG consideramos que o procedemento seguido pola  alcaldesa, mediante a apertura do expte. 831/ 2019 para a compra por 275.000€ dun local na rúa Fernández López, destinado á apertura dunha aula da UNED, tramitouse de costas ao resto da corporación e carece da motivación necesaria para optar por unha compra directa e non mediante un procedemento aberto, opción máis acaída.

No pleno do Concello celebrado o 31 de maio de 2017 –e non do 2018 como recolle o Decreto asinado pola alcaldesa do día 14 de marzo do 2019– acordouse por maioría solicitar ao Centro Asociado da UNED a sinatura dun convenio  para a apertura dun aula da mesma no Porriño. A concelleira de educación manifestaba no pleno que “entendemos que dada a importancia desta decisión, a mesma debe ser avalada polo Pleno da  corporación de forma non sexa iniciativa dun partido político singular, senón que todos mostremos o compromiso coa instalación da aula da UNED” .

Preguntámonos desde o BNG: Se para a solicitude da sinatura dun convenio o goberno considera necesaria a participación do resto dos grupos políticos da corporación, por que non a considera para tomar unha decisión importante como a de comprar un local por 275.000€? Por que considera que o local que se compra é o que mellor se adapta e é o máis barato dos dispoñibles no Porriño para esa finalidade, cando non hai informes que así o motiven? Por que razóns non inicia un procedemento aberto  e  somete a proposta da compra do local ao pleno da corporación, de ser esa a única opción? Porque se poderían valorar outras, como o aluguer ou o acondicionamento de dependencias municipais.

A este comportamento pouco transparente temos que sumar o noso desacordo coa proposta de financiación á que recorre a alcaldesa Eva García de la Torre. Unha vez máis demostra que para ela asinar un compromiso sobre iniciativas recollidas nos orzamentos do 2018 acordadas co BNG é papel mollado. Demostra ser unha alcaldesa sen palabra e pouco de fiar. Foron varios os incumprimentos dos acordos asinados co BNG. E neste caso decide financiar a compra do local con fondos procedentes do patrimonio do solo, produto da venda de parcelas no ano 2018 e 2019, cando estes estaban comprometidos para proxectos de inversión no 2018 que non foron executados. Proxectos como o saneamento en Chenlo, a segunda fase de humanización da rúa Manuel Rodríguez, a capa de rodadura estrada Centeáns-Cavadiña en Pontellas, a compra de terreos para a ampliación da área recreativa en Cans, a compra de terreos para a ampliación do paseo do Louro ou a creación dos vestiarios e arranxo da pista deportiva do pavillón do colexio de Atios, entre outros.

O BNG sempre manifestou o seu apoio a ampliar a oferta formativa no Porriño e a que se poida abrir unha aula da UNED. Mais consideramos que para tomar a mellor decisión é preciso coñecer os termos do convenio  entre o Concello e o Centro Asociado da UNED, convenio que a día de hoxe descoñecemos se foi asinado, pois desde o 31 de maio do 2017 o Concello non deu ao resto da corporación ningunha información ao respecto. Por todo isto solicitamos a paralización do expediente de compra e que sexa sometido ao seguinte pleno ordinario ou, se se considera  necesario, que convoque un pleno extraordinario.