O BNG traslada as súas propostas sobre o abastecemento de augas aos representantes das traídas do Porriño

Encontro Traidas de augas BNG
Encontro do BNG con representantes das Traídas de augas

Pedro Pereira recoñece o traballo realizado ás directivas das distintas traídas e comprométese a convocar unha liña de subvencións anual para a mellora do servizo

O BNG traslada as súas propostas sobre o abastecemento de augas aos representantes das traídas do Porriño

O Bloque Nacionalista Galego do Porriño mantivo un encontro este martes con representantes das traídas de augas do Porriño para dar a coñecer as súas propostas, ao mesmo tempo que quixo recoñecerlle o traballo que realizan e o compromiso e dedicación de xeito altruísta das mesmas para cos seus veciños.

O candidato do BNG á alcaldía do Porriño, Pedro Pereira, ademais de recoñecer esta labor transmitiulles aos asistentes ao encontro que “é preciso que as administracións, neste caso o Concello do Porriño, establezan nos seus orzamentos partidas para colaborar no tratamentos da auga, conservacións dos mananciais, depósitos e redes de distribución, así como establecer mecanismos de coordinación e colaboración para que haxa, tamén nas parroquias, un servizo de calidade no subministro de auga”.

O BNG cre tamén necesario implicar nesta colaboración o Consorcio do Louro, posto que na actualidade ten as competencias, e débese recoller nas ordenanzas reguladoras e fiscais particularidades e mecanismos de coordinación coas redes existentes de titularidade veciñal que hai nas distintas parroquias.

Ao respecto da colaboración do Concello coas traídas de auga parroquiais, o BNG do Porriño propuxo xa nos orzamentos do 2018, mediante unha emenda, un importe de 95.000 € para subvencións ás traídas de augas, ao comprobar que o goberno municipal non recollía ningunha partida para esta finalidade.

A día de hoxe o actual goberno segue sen publicar a convocatoria para que as traídas poidan optar ás subvencións, quedando en evidencia unha vez máis a falla de interese do goberno de Eva García por executar os orzamentos municipais aprobados en pleno e, neste caso concreto, a falla de compromiso coas traídas de augas.

O BNG traslada as súas propostas sobre o abastecemento de augas aos representantes das traídas do Porriño