O BNG propón que se busque outra localización para o Centro de Transportes promovido pola Zona Franca no Porriño

O BNG propón que se busque outra localización para o Centro de Transportes promovido pola Zona Franca no Porriño

Recentemente coñecemos a través dos medios de comunicación que o Consorcio da Zona Franca de Vigo escollera unha parcela no termo municipal do Porriño para promover un Centro de Servizos ao Transporte. Segundo se deduce da información, o terreo que agora ocupa a fábrica de Terrazos Riego semella ser a opción que baralla a Zona Franca.

Dende o BNG entendemos que o anuncio ten tintes electorais xa que, pola información que manexamos, a opción presentada pola Zona Franca non está consensuada, nin responde ás necesidades dos profesionais do transporte. A parcela de Terrazos Riego necesita a aprobación do correspondente plan parcial de desenvolvemento e carece de accesos directos á A-55, a autovía Tui-Vigo, polo que, de ser esa a opción finalmente escollida, suporía un aumento insoportable de tráfico pesado por zonas densamente poboadas e con elevado tránsito local, como A Casilla ou a zona da Ponte, en Atios.

O BNG, que nos últimos días recolleu a opinión dos profesionais do transporte e dos empresarios implicados na plataforma loxística, solicita que, antes de proceder á escolla do terreo, se consensúe co sector a localización idónea para os transportistas, e que supoña o menor impacto no tránsito local. Neste senso, propoñemos que se valore como alternativa, se se considera que o Porriño é a mellor localización, situar este servizo nas inmediacións dos polígonos da Granxa ou das Gándaras, porque a día de hoxe hai parcelas dispoñíbeis da superficie requirida e con mellores acesos.

Do mesmo xeito esiximos ao goberno local que rexeite á localización inicial promovida polo Consorcio da Zona Franca e traballe en coordinación co Consorcio para atopar o emprazamento máis axeitado para todos.

Consideramos que estes anuncios, feitos sen que se dispoña dun estudo previo nin dun consenso cos destinatarios do proxecto, son fogos de artificio realizados cunha indisimulada intencionalidade electoral. O BNG considera necesario o Centro de Servizos ao Transporte, compartimos o obxectivo de desconxestionar os accesos a Vigo e optimizar os recursos do transporte. Pero iso esixe un rigor e unha seriedade na xestión.