O BNG organiza un acto informativo sobre as pensións públicas

Ademais presenta nos concellos mocións en defensa do sistema público de prestacións

O BNG organiza un acto informativo sobre as pensións públicas

A defensa e o mantemento do sistema público de pensións debe ser unha prioridade de toda a sociedade e, por descontado, de todos os axentes sociais, partidos políticos principalmente. É unha conquista da clase traballadora que o poder quere debilitar. Dende o goberno do Partido Popular estase a executar un plan premeditado para minguar as pensións públicas mentres se traballa para fortificar o negocio privado do aforro. Nunha manobra claramente electoralista, o goberno de M. Rajoy, co apoio interesado de Ciudadanos, pactan unha suba do 3% nas pensións mínimas nos OXE de 2018. Unha suba minúscula (suporía apenas 11 euros de aumento ao mes, no mellor dos casos) da que en Galiza só se beneficiarían unhas 40 mil persoas. O noso país é dobremente vítima destas políticas xa que os galegos temos as pensións máis baixas do estado (o 60% son inferiores ao salario mínimo) e 1 de cada catro mulleres galegas maiores de 65 anos vive por baixo do limiar da pobreza.

Para que os pensionistas do presente e do futuro poidan ter toda a información sobre as súas prestacións e as claves para defender un sistema público sostible, o BNG do Porriño organiza unha charla informativa este xoves 5 de abril, ás 20:00h no Centro Cívico (Escola de Música). Participan a responsable local do Bloque, Ana Bastos, quen presentará aos relatores, Antolín Alcántara, da CIG, e Montse Prado, deputada do BNG no Parlamento Galego. Aí daranse as claves do por que e cómo hai que defender as pensións públicas.

Nun acto de responsabilidade política, o Bloque Nacionalista Galego presentará para o seu debate en pleno en todos os concellos galegos, unha moción na que solicita a derrogación das reformas laborais que dende o ano 2010 empobreceron a clase traballadora e son a ferramenta coa que a dereita está a dinamitar o sistema público de pensións. Non só criticamos a acción do Goberno, tamén propoñemos medidas concretas que apuntalan os dereitos dos pensionistas. Pedimos que se volva a fixar a idade de xubilación nos 65 anos; que se computen para o cálculo das prestacións os 15 anos de vida laboral máis favorables ao pensionista; que se fixe o importe mínimo no 60% do salario medio; que se actualicen conforme ao IPC; que se eliminen trabas ao acceso ás prestacións; que se reclame para Galiza a xestión da Seguridade Social; ou que a Xunta incremente a contía do Fondo Extraordinario das pensións non contributivas, para que aumenten 100 euros mensuais.

O BNG chama a toda a veciñanza a participar neste acto que, como dixemos, terá lugar este xoves día 5 de abril ás 20:00h no Centro Cívico do Porriño.