O BNG demanda a creación dun Servizo de Normalización Lingüística no Porriño

O Grupo municipal presentou unha moción para que o Concello se acolla a unha subvención da Deputación destinada á creación deste servizo

O BNG demanda a creación dun Servizo de Normalización Lingüística no Porriño

Tal e como se dispón no Estatuto De Autonomía de Galicia e na Lei de Normalización lingüística, é unha obriga das institucións galegas difundir e promover o galego en todos os eidos da vida pública. Pero dende hai anos o Concello do Porriño carece dun Servizo de Normalización e Dinamización Lingüística, o que dá lugar a que a lingua galega non estea presente na medida en que debe estar no trato da administración coa veciñanza. Este servizo foi creado para promover e dar soporte técnico ao proceso de extensión do uso da lingua galega no ámbito administrativo e de servizos. Unha promoción que se leva a cabo mediante accións ou actividades de sensibilización lingüística, formación, etc.

Dáse a circunstancia que neste momento a Deputación de Pontevedra ten aberta unha convocatoria de subvencións para todos aqueles concellos da provincia, de ata un máximo de 50.000 habitantes, que conten cun Servizo de Normalización Lingüística, que pretendan crealo ou que, carecendo del, realicen programas de dinamización da lingua galega. A través desta convocatoria procúrase incrementar o uso da lingua galega en toda a sociedade,

Dado que o prazo para a presentación de solicitudes para tal subvención rematará o 16 de marzo de 2018, o BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal a aprobación dunha moción para ”solicitar esta subvención e crear o Servizo de normalización e dinamización lingüística no Concello do Porriño”.

Lamentablemente, o incumprimento por parte do goberno local á hora de convocar plenos ordinarios de xeito regular –o último tivo lugar en novembro do pasado ano– provoca que iniciativas como esta non poidan ser debatidas e levadas a cabo nos prazos correspondentes.