O BNG apoia unha alcaldía socialista no Porriño sen pechar un pacto de goberno en coalición co PSOE

Ao BNG impedíuselle explicar o seu voto no pleno de investidura o pasado 15 de xuño, ao negarlle a palabra o presidente da mesa de idade e membro do PP, un mal comezo para esta lexislatura, coartando a liberdade de expresión dos concelleiros e concelleiras no pleno

O BNG apoia unha alcaldía socialista no Porriño sen pechar un pacto de goberno en coalición co PSOE

Pedro Pereira e Ana Bastos, do BNG, votaron a favor de investir alcaldesa a candidata socialista, “as opcións que tiñamos en riba da mesa eran PP ou PSOE, e ningunha era a que considerabamos mellor para O Porriño. Deixando a un lado esta cuestión decidimos, tendo en conta tamén a nosa ideoloxía, apoiar a que consideramos opción menos mala” manifestou Pedro Pereira, candidato nacionalista.

O BNG quere recordar que o PP leva anos de gobernos na Xunta, e no propio Concello, sen ser capaz de levar a cabo ningún dos grandes proxectos que o Porriño precisa: a ampliación do Centro de Saúde, onde a Xunta ten á súa disposición os terreos para poder facelo dende o ano 2009, co goberno nacionalista no Concello; outra das prioridades municipais é o centro escolar Xosé Fernández López, non querendo incluír, ano tras ano, un novo centro alternativo nos orzamentos galegos, a pesar das reiteradas peticións por parte de distintos colectivos. As terras contaminadas con lindano son outro dos exemplos que nos confirman que o Partido Popular nin na Xunta nin a nivel local loita por que se tomen medidas, co grave prexuízo que isto supón para toda a veciñanza do Porriño.

Por outra banda, o Bloque Nacionalista Galego do Porriño síntese defraudado co resultado do goberno do partido socialista que acaba de rematar, encabezado por Eva García de la Torre, ao non cumprir este practicamente ningún dos acordos que se aprobaron en Pleno, nin outros proxectos que se comprometeron a levar adiante. A situación de parálise percíbea toda a sociedade do Porriño e a situación económica do concello é mala, mais toca propoñer solucións e non poñer aínda mais paus nas rodas como está a facer o PP.

O BNG, por responsabilidade e porque considera que a situación é reversible, mantén as portas abertas á opción de formar parte dun goberno, co obxectivo final de impulsar políticas transformadoras, da inclusión de boas prácticas no exercicio das funcións municipais, con transparencia, en igualdade, creando distintos consellos sectoriais, impulsando a creación dunha empresa pública de servizos no concello e dándolle á nosa lingua a importancia que merece. Estes son, a grandes trazos, os nosos acordos de investidura e nos que esperamos poder seguir avanzando nos vindeiros días coa consecución, se cabe, dun goberno de coalición BNG-PSOE cunha estrutura de goberno e un calendario de liñas de actuación a corto prazo que mellore en xeral a calidade de vida de todos os porriñeses e porriñesas.