Aprobada a moción do BNG para o nomeamento da praza da Alameda como Praza Oito de Marzo

Aprobada a moción do BNG para o nomeamento da praza da Alameda como Praza Oito de Marzo

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego levou de novo a pleno este luns unha moción na que propón que a actual praza da Alameda se nomee como Praza Oito de Marzo.

Na exposición de motivos da moción, o BNG resalta que o oito de marzo, Día Internacional da Muller, “é unha data internacional e referencial na loita pola igualdade dos dereitos máis fundamentais das mulleres. Unha data para a lembranza dunha loita aínda vixente e pendente de acadar”. E lembra o éxito máis que evidente acadado pola mobilización feminista, que logrou paralizar o país coa “primeira folga de mulleres, coa que se denunciaban unha vez máis as desigualdades entre homes e mulleres no ámbito laboral, a violencia de xénero e todas as situacións de desigualdade e marxinación que impiden ás mulleres vivir libremente”.

Que no rueiro do Porriño haxa un espazo que leve o nome Oito de Marzo é unha homenaxe a “todas as mulleres –tamén no Porriño– que loitan diariamente en prol da igualdade, das mulleres anónimas que co seu traballo diario contribúen á construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria, mais fala tamén por todas as que xa non poden estar entre nós e por todas as que virán e loitarán nun futuro”.