Moción do BNG sobre a reactivación da asistencia sanitaria

Imaxe: Atlántico
Imaxe: Atlántico

O grupo municipal do BNG presenta a seguinte moción para o seu debate no pleno.

Moción do BNG sobre a reactivación da asistencia sanitaria

Esta pandemia ocasionada polo COVID-19 puxo ao límite o noso sistema sanitario. Puxo en evidencia o preciso que é investir en saúde e as repercusión dos 11 anos de recortes aos que someteu o PP ao sistema sanitario.

A  COVID 19, puxo de relevo que precisamos un sistema sanitario público forte, cunha Atención Primaria reforzada como porta de entrada, sen recortes, que permita responder ás necesidades de saúde da poboación e na que o persoal sanitario conte con recursos  para que as persoas doentes poidan recibir a atención que precisan en cada momento e estar ben dimensionado para abordar as emerxencias sanitarias cando xurdan.

Diante da pandemia a Xunta tomou a decisión de reducir drasticamente a asistencia presencial, o peche de consultorios, algúns centros de saúde e PACs, restrinxir consultas, probas diagnósticas e intervencións cirúrxicas nos hospitais.

A decisión que tomou o Sergas foi que a atención se centraran preferentemente na consulta telefónica, isto está ocasionando moitas dificultadas tanto xs profesionais para poder prestar a asistencia sanitaria como no acceso  da poboación á mesma.

Á situación de sobrecarga de traballo que padecían xs profesionais da Atención Primaria previa ao coronavirus fóronlle engadindo tarefas de diagnóstico, seguimento, illamento, identificación por coronavirus e funcións de rastrexo.

Unha sobrecarga da  atención telefónica e da carga burocrática: teléfonos colapsados, o persoal administrativo, xs celadorxs ao límite, soportando unha presión tremenda, é imposíbel xestionar tanta chamada como a que se produce.

As consecuencias son desastrosas, escasísimos profesionais, que están ao límite, cun esgotamento físico e mental insoportábel, listas de espera de semanas, incluso para unha consulta telefónica, doentes crónicos descompensados (persoas hipertensas, diabéticas, con cardiopatías, problemas renais, controis de saúde de pediatría con moitas demoras) persoas facendo cola á intemperie para acceder aos centros.

As demoras para acceder ás prestacións hospitalarias (consultas, probas diagnósticas, intervencións cirúrxicas) que xa eran tremendamente altas, non fan máis que aumentar; seguen sen publicarse as listas de espera que tiñan que terse feito públicas no mes de xullo.

Esta situación está xerando que cada vez máis persoas estean acudindo á sanidade privada, diante da falta de resposta na sanidade pública, e desprotección da poboación con menos recursos.

A resposta á situación de pandemia non pode estar baseada en incrementar as restricións de acceso á asistencia ao sistema público, porque supón un claro risco para a saúde da poboación. Esta situación pode levarnos a un  problema de saúde colectiva, de cronificación de patoloxías, de atención tardía...

É preciso desconfinar a sanidade pública e reactivar a atención presencial con máis persoal, máis información e máis accesibilidade.

É preciso dar resposta ás demandas de atención pola COVID 19, mais tamén ao resto das patoloxías

Instamos á Xunta a:

1.- Realizar de inmediato todas as accións precisas para activar a atención presencial en Atención Primaria para dar resposta ás demandas de atención pola COVID 19, mais tamén ao resto das patoloxías e rematar coas listas de espera neste nivel asistencial, co persoal e as medidas de prevención de contaxios precisos, para garantir unha atención sanitaria digna á poboación. Establecer protocolos claros e unificados para a atención presencial de doentes para toda a Atención Primaria.

2.- Aumentar nos centros de saúde co número de profesionais que sexa preciso para  permitir aumentar o tempo  e a calidade da atención asistencial así como incorporar as categorías profesionais imprescindíbeis para formar equipos multidisciplinares e prestar unha atención integral: psicólogxs clínicxs, terapeutas ocupacionais, logopedas, podólogos...

3.- Aumentar os orzamentos destinados a Atención Primaria até chegar ao 25%, no inmediato 200 millóns de euros. 

4.-Modificar o Decreto que regula as Areas e os Distritos Sanitarios para crear unha estrutura de xestión da Atención Primaria con capacidade de decisión, orzamentaria e de recursos humanos.

5.- Publicar de inmediato a situación das listas de espera hospitalarias e poñer en marcha un plan de choque para reducilas.

Moción do BNG sobre a reactivación da asistencia sanitaria